O acordo tamén contempla a difusión internacional da figura de Castelao
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou onte un protocolo xeral de actuación co director do Instituto Cervantes, Luis Manuel García Montero, e con Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega de Belas Artes, co obxectivo de colaborar na realización de accións e actividades relacionadas coa promoción e a difusión internacional da lingua e cultura galegas e, especialmente da figura de Castelao.
Deste xeito, as respectivas sedes destas institucións e os centros do Instituto Cervantes no exterior poderán organizar actividades conxuntas e encontros relacionados co galego, así como programas a difusión de outras accións culturais sobre a obra de Castelao. O acordo terá unha vixencia de catro anos desde a data de hoxe.
O conselleiro de Cultura e Turismo amosou a súa satisfacción tras a sinatura deste protocolo que suporá un impulso para a cultura e lingua galegas no exterior. Román Rodríguez destacou que “a lingua é a maior creación colectiva dos galegos e únenos co pasado do noso pobo, porque del a recibimos como patrimonio vivo e será o legado da nosa identidade común”. Ademais engadiu que o acordo servirá como “motor de difusión de todo o que significa Galicia: a nosa cultura e o noso modo de entender a vida”.
Castelao, artista gráfico universalAlfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886– Bos Aires, 1950) foi escritor, político e artista global (caricaturista, debuxante, ilustrador, pintor, escenógrafo e teórico da arte). Aínda que estudou medicina, axiña se orientou profesionalmente cara ás artes gráficas. Durante anos, compaxinou os debuxos coas pinturas, algunhas de gran formato, coas que participaba en exposicións colectivas e mostras individuais. A principios da década de 1920, a pintura cedeu terreo ás colaboracións gráficas, que se converteron na súa principal actividade. Os anos 30 son época de madurez e de compromiso político, o que se percibe claramente nos carteis do momento e nos debuxos con que prepara as Estampas de guerra cos que acadou unha difusión internacional. A partir de 1939 cabe destacar os seus Debuxos de negros, así como as ilustracións e escenografías para a súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse.
- Te recomendamos -