O delegado territorial, José Manuel Balseiro, fixo balance dos recursos destinados ás Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) declaradas no municipio
Lugo, 30 de abril de 2018.- A Xunta e o Goberno central destinaron 6.496.560 euros para impulsar máis de 800 actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de Lugo a través das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) declaradas no municipio, no casco histórico e no barrio do Sagrado Corazón.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen fixo balance dos recursos económicos que o Goberno galego, en colaboración co Ministerio de Fomento, destinan a este programa que pretende a mellora dos inmobles e a urbanización de espazos.
A área de rehabilitación do casco histórico de Lugo foi declarada en 1998 e dende entón asináronse 14 convenios. A do barrio do Sagrado Corazón foi declarada no 2007 e asináronse tres convenios. O concello de Lugo non solicitou participar nos últimos acordos, renovados o pasado mes de outubro, polo que neste momento só conta cos remanentes do convenio do 2016. O conxunto das actuacións elévase a 839, cun investimento mobilizado de 12.610.530 euros. En concreto, no casco histórico leváronse a cabo 526 actuacións, que suman 9 millóns de orzamento e para as que se distribuíron 3,8 millóns de euros en axudas. No Sagrado Corazón executáronse 313 actuacións, cun orzamento global de 3,5 millóns de euros, dos cales se sufragaron 2,6 millóns de euros a través das axudas do ARI.
A Xunta de Galicia e o Goberno central achegan os recursos económicos para outorgar estas axudas, mentres que o Concello é a entidade encargada de tramitalas a través da oficina municipal de rehabilitación.
Baseiro subliñou que as ARI son “un instrumento para a recuperación física, funcional e social dos espazos urbanos”. Os beneficiarios finais dos fondos son os propietarios de vivendas emprazados no ámbito de actuación, que reciben axudas a fondo perdido para as obras de rehabilitación que realicen. Tamén poden beneficiarse das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización.
Actualmente existen 69 Áreas de Rehabilitación Integral declaradas en 41 concellos de toda Galicia, 13 delas na provincia de Lugo.
- Te recomendamos -