O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, asinaron hoxe un convenio neste sentido
A Xunta e a asociación Executivas de Galicia colaborarán na posta en marcha do programa “Referentes galegas”, que ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer ás mulleres profesionais galegas que son líderes nos seus respectivos sectores, coa finalidade de incrementar a presenza de mulleres expertas no ámbito público.
Así se recolle no convenio asinado hoxe en Santiago de Compostela entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a presidenta da asociación, Carla Reyes. A administración autonómica colaborará impulsando a difusión do programa e prestando asesoramento e cooperación na posta en marcha de iniciativas con enfoque de xénero.
Para a Xunta é unha prioridade a loita pola igualdade real entre homes e mulleres e por erradicar calquera tipo de discriminación. Para conseguilo, a Administración autonómica ten en marcha un amplo abano de iniciativas e vén colaborando activamente en accións para promover a posta en valor do papel das mulleres en ámbitos como a ciencia ou o rural.
Ademais, o Goberno galego mantén tamén unha importante aposta por seguir avanzando na conciliación e a corresponsabilidade. De feito, este ano puxo en marcha o I Plan neste sentido, que recolle un cento de medidas e que converte a Galicia na primeira comunidade autónoma en contar cunha ferramenta destas características.
- Te recomendamos -