A Xunta é a primeira administración que asume de forma voluntaria mecanismos de autoregulación para a implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción que serán obxecto de avaliación e revisión polo Consello de Contas
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Conselleiro Maior, José Antonio Redondo, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para o establecemento de mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público autonómico de Galicia.
A Xunta é a primeira administración que asume de forma voluntaria mecanismos de autoregulación para a implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción que serán obxecto de avaliación e revisión por un organismo independente como é o Consello de Contas, situando á nosa comunidade na vangarda da transparencia e exemplaridade.
O Goberno galego segue intensificando e afondando na liña de compromiso dos representantes públicos coa cidadanía, que xa se ten materializado con medidas pioneiras como a blindaxe por lei da publicación das declaracións de bens patrimoniais dos membros do Goberno galego, a transparencia e homologación das retribucións do persoal directivo dos entes instrumentais e a aprobación do código ético institucional, un manual deontolóxico e guía de boas prácticas para os cargos públicos e o conxunto dos empregados públicos da Administración autonómica no desempeño das súas funcións.
Mantendo esta liña, hoxe asinase este protocolo que ten por obxecto eliminar ou minimizar os riscos de corrupción tanto na Administración xeral como nas entidades instrumentais do sector público autonómico, a través da promoción de políticas de integridade, a implantación de instrumentos de prevención de riscos de corrupción, a avaliación dos sistemas de control interno e de prevención de riscos de corrupción, así como recomendacións e medidas para melloralo.
Dentro das novas competencias atribuídas ao Consello de Contas en materia de prevención de corrupción prevese a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.
Ademais, a Escola Galega de Administración Pública colaborará na formación dos empregados públicos en materia da prevención da corrupción, reforzando os cursos impartidos para o persoal da Administración.
- Te recomendamos -