O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, e o vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, e o vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández, co obxectivo de seguir avanzando na coordinación de cara a posta en marcha do plan de recuperación do traballo na Administración de Xustiza tras a folga.
Este encontro inscríbese na rolda de contactos que está a manter a Administración autonómica para conseguir a cooperación de todos os axentes implicados. Así, xa se mantiveron encontros co TSXG, así como co anterior ministro de Xustiza, que comprometeu a implicación do Goberno estatal neste Plan. Tamén está previsto reunirse coa Fiscalía e outros axentes implicados.
Segundo os últimos datos dispoñibles, xa se rexistraron máis de 1.600 solicitudes de persoal interesado en participar na recuperación do traballo. O obxectivo é poñer en marcha a práctica totalidade do Plan no mes de setembro para evitar, así, o período vacacional, e para poder dispoñer das estatísticas xudiciais do primeiro semestre que permitan coñecer de forma máis exacta as cargas de traballo. En calquera caso, está previsto que na segunda quincena de xuño xa se comece a aplicar nos servizos de rexistro de escritos nos decanatos, servizos comúns de notificacións e embargos, e Imelga.
Ademais, mañá mesmo está prevista unha nova reunión cos sindicatos no marco da Comisión de seguimento do acordo que puxo fin á folga para pechar os detalles do inicio do plan e aclarar calquera dúbida que poida xurdir.
- Te recomendamos -