Inicio Galicia Xabier Cid recolle o galardón do XXI Premio de Poesía do Concello...

Xabier Cid recolle o galardón do XXI Premio de Poesía do Concello de Carral pola súa obra ?As bicis?

0

O secretario xeral de Cultura participou no acto de entrega, no que tamén se presentou a publicación da obra gañadora de 2017, ‘Das árbores tropicais e do amor’, de Xosé Luís Mosquera Camba

Xabier Cid recolleu esta tarde o premio do XXI Certame de Poesía Concello de Carral, pola súa obra As bicis, nun acto no que tamén se presentou o poemario gañador na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor, de Xosé Luís Mosquera Camba, publicado co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística.

O premio está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. Pero, sobre todo, como destacou o secretario xeral de Cultura, “este galardón, dos de maior prestixio no panorama literario galego, constitúe un compromiso coa poesía escrita en galego e unha verdadeira oportunidade para os autores e autoras que apostan por forxar a súa traxectoria literaria na lingua propia de Galicia”.

No acto de entrega do premio participaron tamén o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño; os gañadores das edicións de 2017 e 2018, Xosé Luís Mosquera e Xabier Cid, respectivamente; así como Margarita Ramilo, en representación do xurado. O grupo Ouriol, do que forma parte Eva Veiga, gañadora do galardón no ano 2016, foi o encargado da actuación poético-musical.

Valores da poesía galegaXosé Luís Mosquera, docente e poeta, presentou o poemario co que se fixo acredor do premio o ano pasado, na súa vixésima edición, repetindo un galardón que acadara xa 10 anos antes, en 2007. Das árbores tropicais e do amor é unha obra orixinal que recorre a unha linguaxe depurada para facer unha viaxe xeográfica e emocional, na que teñen cabida outras linguas e presenzas culturais. Pola súa banda, a obra premiada en 2018, As bicis, de Xabier Cid, foi escollida polo xurado entre os 38 textos que concorreron ao certame nesta edición polo seu carácter experimental, alternativo e innovador.

Anxo Lorenzo lembrou que a Xunta de Galicia colabora con este premio porque “constitúe un referente de calidade para o descubrimento de novos valores da nosa poesía, imprescindibles para a consolidación do sistema cultural e literario de Galicia”.


- Te recomendamos -