Inicio Galicia Voluntarios de 15 agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña seguen...

Voluntarios de 15 agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña seguen en Boqueixón un curso de formación en desfibrilación

0

O delegado territorial da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, lembrou que ante a elevada demanda para este curso, que xa tivo 6 edicións na provincia, optouse por repetir o mesmo en Boqueixón

Un total de 24 voluntarios de 15 agrupacións de Protección Civil da provincia de A Coruña participaron, hoxe en Boqueixón, nun curso de formación en desfibrilación semiautomática externa (Desa) que consistirá nunha hora de formación teórica e outras catro horas de práctica.

Este curso vai dirixido a voluntarios, que xa teñan feito o curso básico de protección civil, e ten como obxectivo adquirir a formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos co fin de conseguir aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita, conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas. Tamén adquirirán habilidades para acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz.

Neste curso participaron voluntarios de Ames, Boiro, Boqueixón, Carballo, Carral, Dumbría, Lalín, Mazaricos, Melide, Ordes, Padrón, Pontecesures, Santa Comba, Teo e Vilasantar. Inclúese dentro da programación que a AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública) fai, o primeiro semestre do ano, para os voluntarios de Protección Civil co obxectivo de achegar a formación aos concellos.

O delegado territorial visitou esta acción formativa e aproveitou para “agradecerlle aos participantes a importante labor que desempeñan nos municipios, xa que en moitas ocasións son dos primeiros en chegar as situacións de emerxencias”. Neste senso, recalcou que “mellorar a formación é unha das pezas claves para garantir a eficacia na prestación dun servizo básico para todos os galegos”.

Ovidio Rodeiro apuntou que na provincia da Coruña convocáronse 6 edicións deste curso das que xa se realizaron dúas en Malpica de Bergantiños e Abegondo e outras en Ames, Narón e a Pobra do Caramiñal. Ante a elevada demanda para este curso o delegado territorial apuntou que se preparou esta convocatoria de Boqueixón. 


- Te recomendamos -