Inicio Galicia Vigo concentra o 50% dos perceptores da Risga na provincia de Pontevedra,...

Vigo concentra o 50% dos perceptores da Risga na provincia de Pontevedra, con 14.652 beneficiarios en nómina de xaneiro a xuño

0

O importe destinado á Renda de Inclusión Social e ás Axudas de Inclusión Social supera nos seis primeiros meses do ano os 6,6 millóns de euros na cidade


Vigo concentra o 50 por cento dos perceptores da Renda de Inclusión Social (Risga) da provincia de Pontevedra, cun total de 14.652 beneficiarios en nómina segundo os datos correspondentes aos seis primeiros meses do ano. O importe destinado pola Administración autonómica a esta prestación e ás Axudas de Inclusión Social na cidade ascende neste período a 6.305.122 euros. Cifra, esta última, á que habería que sumar os 333.563 euros que se destinan ás Axudas de Inclusión Social (AIS), cun total de 450 concedidas entre xaneiro e xuño.

Atendendo a este mesmo período, no conxunto da área territorial de Vigo a contía ascende a máis de 7,8 millóns (18.213 beneficiarios en nómina) no caso da Risga e a 423.339 euros no caso do AIS, con 564 concesións.

Cómpre lembrar que pese a que a cidade de Vigo representa unha terceira parte da poboación da provincia absorbe preto de cinco de cada dez euros destinados pola Consellería de Política Social á Renda autonómica de Inclusión Social.

En canto aos tempos de tramitación, a Xunta segue a axilizar ao máximo os prazos de resolución desta prestación, en cuxa tramitación interveñen os solicitantes, os concellos e, por último, a Xunta, tal e como destacou hoxe en rolda de prensa o delegado territorial Ignacio López-Chaves. Neste senso, cómpre destacar que Vigo é o concello da área que máis tarda en enviar os expedientes da Risga á Administración autonómica, superando os catro meses e medio. “Hai expedientes que tardan ata 10 meses”, asegurou.

Neste senso, o representante autonómico aproveitou para reclamar ao Concello vigués maior axilidade coa tramitación dos expedientes e pór en valor o reforzo de persoal para os Servizos Sociais aprobado no marco do Plan Concertado 2017, no que resultou beneficiado con 11 traballadores máis. Un incremento que, lamentou, “non se está a notar en positivo, atendendo aos elevados tempos de espera medios que se están a rexistrar”.“Vemos con preocupación o retraso que acumula”, dixo, para acentuar que “Mos, con menos presuposto e persoal, tramita sete veces máis rápido os expedientes”. López-Chaves, quen recordou que o 80% dos perceptores da Risga na área territorial son vigueses, insistiu en que “a política social neste ámbito debe ser unha prioridade para o Concello”. “Esta tardanza, de máis de 135 días entre a data de solicitude ao Concello e a de rexistro de entrada na Xunta , non se pode dar por válida, xa que os principais prexudicados son os veciños e veciñas de Vigo”, opinou.

En canto á Administración autonómica, segue a baixar os tempos de resolución respecto aos dous meses que marca a normativa. No caso de Vigo, ata os 24 días desde que entra a solicitude na xefatura territorial de Política Social.


- Te recomendamos -