Inicio Galicia Valentín García expón no VIII Foro do Albariño as vantaxes de etiquetar...

Valentín García expón no VIII Foro do Albariño as vantaxes de etiquetar os viños en galego

0

O encontro, celebrado este serán no cambadés Pazo da Ulloa, céntrase en analizar os retos do albariño no futuro

Cambados (Pontevedra), 29 de xuño de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abriu hoxe ao serán en Cambados o VIII Foro do Albariño e deu conta na súa intervención das vantaxes de etiquetar os viños en lingua galega. O evento sectorial, que se centra desta volta nos retos do albariño no futuro, promoveuno a Asociación Adegas do Salnés e Adegas Terra de Asorei, co apoio, entre outras entidades, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e celebrouse no cambadés Pazo da Ulloa.

O responsable de Política Lingüística estivo acompañado neste acto de apertura polo presidente e conselleiro delegado de Adegas Terra de Asorei, Xosé Ramón Durán.

Etiquetaxe en galegoDurante a súa intervención, Valentín García dixo estar convencido de que “abordar o futuro dos viños da denominación de orixe Rías Baixas significa pensar na súa etiquetaxe en lingua galega”, porque “nun mundo cada vez máis competitivo e nuns mercados con tanta oferta para o consumidor, o produto ten que distinguirse e o noso idioma funciona coma unha marca de autenticidade, un certificado de orixe e un sinal de calidade, tanto dentro coma fóra de Galicia”. Neste sentido, o secretario xeral recordou que “o sector vitivinícola foi dos primeiros en percibir o valor do idioma galego para a comercialización dos seus produtos, así que son cada vez máis as adegas que se suman á etiquetaxe e promoción dos seus caldos na nosa lingua propia” Plan xeral de dinamización no tecido económicoO apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística ao VIII Foro do Albariño e a presenza neste encontro de Valentín García forman parte das accións que está levando a cabo a Xunta de Galicia no marco do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020. O Plan, que recolle as distintas medidas e accións para a implantación e consolidación do uso do idioma galego no sector económico, estrutúrase a través de tres obxectivos estratéxicos principais: crear consciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais e as relación laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega no ámbito económico, nas relacións laborais, comerciais e empresariais, tanto na oferta coma na demanda de produtos e servizos, e utilizar o idioma para impulsar unha imaxe de marca diferencial propia de Galicia e os seus produtos vinculada á calidade e á innovación e que lles transmita confianza ás persoas consumidoras e ao empresariado.

Trátase da primeira vez que desde a Administración autonómica se leva a cabo un plan destas características, que desenvolve as directrices establecidas no sector 4 do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no ano 2004. 


- Te recomendamos -