Inicio Galicia Unha unidade didáctica aborda a importancia científica e histórica da expedición que...

Unha unidade didáctica aborda a importancia científica e histórica da expedición que levou a vacina da varíola a América

0

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, presentou hoxe a guía, elaborada por tres docentes do IES David Buján da Coruña, co apoio da Xunta e da Asociación Isabel Zendal


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentou hoxe en Santiago a unidade didáctica Como chegou a vacina da varíola a América?. O material foi elaborado polos docentes do IES David Buján (Cambre), José Viñas; do IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños) Xacobo de Toro; e do CPI de Atios (Valdoviño), David Eiroa; co apoio da Xunta e a colaboración da Asociación Isabel Zendal, cuxa presidenta, Pilar Farjas, participou tamén no acto de presentación.

Dirixida ao alumnado de 3º e 4º curso da ESO, a unidade didáctica ten como obxectivo achegarlle á mocidade a importancia da vacinación, ao tempo que pon de manifesto a relevancia histórica da Real Expedición que partiu a comezos do século XIX desde A Coruña para levar a vacina da varíola ao continente americano.

Así mesmo, destácase o papel fundamental que tivo na expedición a galega Isabel Zendal, enfermeira e reitora do orfanato da Coruña, considerada pola Organización Mundial da Saúde a primeira enfermeira da historia en misión internacional. Deste xeito, a guía facilítalles aos docentes recursos innovadores aplicables ás materias de Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia ou Cultura Científica.

Na súa intervención, Carmen Pomar salientou a relevancia da unidade didáctica tanto polas temáticas que aborda (o papel da muller na ciencia, a importancia da vacinación e o rol central de Galicia na expedición), como por transmitirlles aos máis novos o sentido humanitario e os valores da solidariedade e do compromiso.

A guía componse de nove seccións, con distintas actividades. Así, tras un test de coñecementos previos sobre o tema, afóndase en que é unha vacina, no calendario de vacinación infantil, nas fases da expedición, na viaxe e nos retos aos que se enfrontou o médico que a dirixiu, o doutor Balmis. Inclúense tamén xogos de rol e laboratorios virtuais para solucionar problemas segundo o aprendido. A unidade péchase cunha Escape room que sirve para valorar, de xeito divertido, todas as habilidades e conceptos adquiridos.

Cómpre sinalar que a unidade didáctica Como chegou a vacina da varíola a América? foi merecedora dunha mención de honra nos premios Ciencia en Acción. O xurado salientou o gran valor didáctico do material, que combina xogos e actividades á vez que aborda un tema tan actual e interesante como o das vacinacións.


- Te recomendamos -