Inicio Galicia Unha nova edición de ?Os eidos? revela aspectos inéditos relativos ás orixes...

Unha nova edición de ?Os eidos? revela aspectos inéditos relativos ás orixes do poemario de Novoneyra

0

Trátase do segundo volume da Biblioteca de Mesopotamia, impulsada polo selo Chan da Pólvora co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu este serán ao Museo do Pobo Galego para participar na presentación do segundo volume da colección Biblioteca de Mesopotamia, apoiada, entre outras entidades, polo departamento que el dirixe. Trátase dunha nova edición do poemario Os eidos, de Uxío Novoneyra, que saca á luz cuestións ata agora inéditas sobre a xénese do libro.

Valentín García considerou “que sempre é un pracer revisitar a poesía de Uxío Novoneyra, pero este vese incrementado cando se pode facer a través dunha publicación tan coidada coma esta que hoxe presentamos”. O secretario xeral valorou que a edición se vise enriquecida “co prólogo de Olga Novo e co dicionario de Emilio Araúxo, que deita nova luz sobre os textos e as circunstancias en que se compuxo esta obra fundamental da literatura galega contemporánea, o que fai o volume interesantísimo tanto para lectores como para investigadores”.

A canda Valentín García participou na presentación Elba Rei -presidenta da Fundación Uxío Novoneyra-, así como especialistas vinculados á edición e representantes das administracións que patrocinan, a canda Política Lingüística, a Biblioteca de Mesopotamia: as deputacións de Lugo e Ourense; os concellos de Monforte, Sober, A Pobra do Brollón, O Incio, Ribas de Sil, Parada do Sil, Quiroga, Folgoso do Courel, Pantón, O Saviñao e Castro Caldelas, e a Denominación de Orixe vitícola Ribeira Sacra.

Edición excepcionalA nova edición do poemario de Uxío Novoneyra Os eidos, que promove Chan da Pólvora Editora dentro da súa colección Biblioteca de Mesopotamia, é orixinal e excepcional por incluír un dicionario novoneyriano da autoría de Emilio Araúxo titulado As cores do ucedo. Neste traballo, resultado de máis de quince anos de entrevistas e conversas co poeta do Courel, saen á luz cuestións ata agora inéditas sobre a xénese do libro e os estados emocionais en que vivía o autor cando o escribiu. Ademais, o volume inclúe unha introdución de Olga Novo, unha das grandes especialistas na obra do escritor courelao, e un conxunto de caligramas relativos ao poemario.

Os eidosOs eidos, de Uxío Novoneyra, converteuse, xa desde a súa publicación en 1955, nun dos fitos fundamentais da poesía galega do século XX. Considerado o inicio dunha corrente que diluía o persoal en favor do común, o libro naceu durante a convalecencia de Novoneyra por unha grave pleuresía entre 1952 e 1954. O poeta aseguraba que durante esa convalecencia a súa mirada se abrira a unha percepción directa das cousas e dos seres que lle permitiu concibir a propia terra como unha forma onde se escribe algo que se nos segue a dicir, sen interrupción.

Biblioteca de MesopotamiaA colección Biblioteca de Mesopotamia -patrocinada, entre outras entidades, pola Secretaría Xeral de Política Lingüística- aspira a reconstruír a paisaxe literaria xurdida na confluencia dos ríos Miño e Sil, así como a apoiar a candidatura da Ribeira Sacra ao recoñecemento de Patrimonio da Humanidade.

O primeiro volume da Biblioteca foi Os contos de Mesopotamia, de Ánxel Fole, colleita dunha serie de narracións ambientadas en diferentes paisaxes da zona, desde O Incio e O Courel ou Castro Caldelas a Monforte e A Pobra de Brollón. Os eidos, do chamado poeta do Courel, Uxío Novoneyra, constitúe o segundo libro da colección.


- Te recomendamos -