Sergas continúa a estender a implantación desta iniciativa que xa funciona en 183 centros de saúde
Un total de 622 pacientes crónicos son monitorizados polo Servizo Galego de Saúde, sen necesidade de acudir ao seu centro de saúde, grazas á ferramenta tecnolóxica TELEA. O Sergas continúa a estender a implantación desta iniciativa que xa funciona en 183 centros de saúde. Este programa é unha das apostas da Administración sanitaria galega para conseguir unha abordaxe integral da cronicidade na atención primaria grazas ao uso das novas tecnoloxías. Trátase dun proxecto de innovación que pon en contacto directo aos equipos de profesionais cos pacientes e que conta co financiamento europeo.
Menores diabéticos e outros pacientes beneficiadosAdemais do antedito, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña vén de iniciar, o pasado mes de abril, o seguimento, a través da plataforma TELEA, de menores con diabetes tipo 1. O programa inclúe por primeira vez a pacientes pediátricos con esta medida que beneficiará a máis de 200 menores galegos. Esta ferramente posibilita que os datos de glucemia, dose de insulina, racións de hidratos de carbono e o exercicio físico poidan ser rexistradas por día e por rango horarios, tanto por estes pacientes como polos seus proxenitores nos seus domicilios. Os profesionais que realizan o seguimento dos pacientes menores con diabetes tipo 1 son de atención hospitalaria.
A nivel hospitalario, a plataforma TELEA está facer o seguimento de pacientes con insuficiencia cardíaca na área de Lugo, e proximamente na de Santiago, e con procesos de fibrilación auricular e tratamento anticoagulante oral en todas as áreas. Ademais, TELEA está en proceso de implantación, que se iniciará en Lugo, nos pacientes de Hospitalización a Domicilio e crónicos de Xeriatría.
Atención personalizadaOs pacientes crónicos poden solicitar de forma voluntaria a inclusión no programa TELEA. Unha vez rexistrados, miden no seu domicilio de forma regular e autónoma as súas variables (tensión, glucemia…) e rexistran os resultados no programa, que aparecen incluídos na súa historia clínica.
O profesional responsable do seu control visualiza e monitoriza esas constantes e comunícase, se o precisa, co paciente (por chamada telefónica, videoconferencia ou de forma presencial) e determina en función da súa situación, actuacións encamiñadas a restaurar a normalidade.
Deste xeito, o persoal de enfermería exerce as funcións de xestores no caso dos pacientes crónicos pluripatolóxicos que están nos seus domicilios. TELEA permite tamén que, no caso de pacientes con gran dependencia, sexa o coidador quen poida interactuar e aportar información do doente aos profesionais sanitarios.
As funcionalidades da plataforma TELEA posibilitan aos profesionais ter unha actitude proactiva no seguimento do paciente, dando una resposta en tempo no caso de alteración da patoloxía de base, e establecen niveis de control personalizados en función das necesidades clínicas, sociais ou funcionais de cada paciente. Ademais permite o contacto co doente no seu propio domicilio, evitando desprazamentos.
- Te recomendamos -