Inicio Galicia Un total de 380 profesionais resultan adxudicatarios dunha praza na convocatoria de...

Un total de 380 profesionais resultan adxudicatarios dunha praza na convocatoria de traslados de 47 categorías de persoal licenciado sanitario do Sergas

0

Neste concurso ofertáronse 598 destinos e participaron 440 aspirantes, dos que o 86,36% conseguiron destino definitivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe a resolución do 14 de maio de 2018 da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se resolve, con carácter definitivo, o concurso de traslados de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria (persoal facultativo especialista de área, médico de urxencias hospitalarias, médico de admisión e documentación clínica) e médico asistencial do 061, correspondente a 2017. Na devandita resolución tamén se publica a apertura dos prazos de cesamento no centro de orixe e toma de posesión do destino adxudicado. A este concurso de traslados presentáronse un total de 440 aspirantes de 44 categorías de persoal licenciado sanitario. O 86,36% dos participantes, é dicir 380 profesionais, conseguiron destino definitivo.

Neste proceso ofertáronse un total de 598 destinos, ademais daqueles postos en resultas que quedaron vacantes cando o profesional que os viña ocupando obtivo destino neste mesmo concurso de traslados. Das 47 categorías ofertadas, 44 corresponden a persoal facultativo especialista de área e as outras tres restantes a persoal médico asistencial do 061, persoal médico de urxencias hospitalarias e persoal médico de admisión e documentación clínica. Non se rexistrou ningunha solicitude de cambio de destino nas especialidades de Inmunoloxía, Xeriatría e Cirurxía Cardiovascular.

Os profesionais que acadaron un destino definitivo nesta convocatoria de traslados de persoal licenciado sanitario cesarán no seu actual posto o vindeiro 28 de maio. A resolución da que se fai eco o DOG de hoxe tamén contempla o cronograma da toma de posesión do destino adxudicado, sendo o 31 de maio para aqueles profesionais que acadaron un destino definitivo na mesma área; o 18 de xuño para aqueles con destino nunha área distinta a actual e o 28 de xuño para os profesionais que acadaron un novo destino adxudicado neste concurso de traslados e proceden doutro servizo de saúde.

Movemento dos adxudicatariosAs categorías que rexistraron unha maior participación foron a de persoal facultativo especialista en Medicina Interna, con 30 participantes, seguida da de persoal médico de urxencias hospitalarias (29) e facultativo especialista en radiodiagnóstico, con 27 participantes.

A área sanitaria con maior demanda é a da Coruña seguida das áreas de Santiago e Pontevedra-Salnés.

Dos participantes no concurso destaca, entre outros datos que o 60,79% dos adxudicatarios son mulleres fronte ao 39,21% de homes. Segundo a idade, o 77,89% dos adxudicatarios pertence ao tramo de idade comprendido entre os 40 e 55 anos, fronte ao 12,11% menores de 40 anos e o 10% maiores de 55 anos.

Outros datos salientables son que do total das adxudicacións efectuadas, 32 corresponden a profesionais cuxo centro de orixe radicaba noutra comunidade autónoma. O 22% dos adxudicatarios procedentes de fóra do Servizo Galego de Saúde xa se atopaba en comisión de servizo no Sergas e ao 87% dos 380 profesionais que obtiveron un novo posto asignóuselles o primeiro destino solicitado.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) están publicadas as listas coas puntuacións e, de ser o caso, os destinos definitivos asignados en cada unha das categorías/especialidades convocadas, a disposición das persoas interesadas. Ademais, o estado de cada solicitude tamén pode ser consultado pola persoa concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.


- Te recomendamos -