O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas achegas, que beneficiaron aos 99 particulares e entidades que forman estes grupos
Un total de 26 grupos operativos de innovación beneficiáronse das axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural para a execución dos seus respectivos proxectos a prol do agro galego na convocatoria de 2018. En total, estes grupos están conformados por 99 membros, tanto particulares como entidades (universidades, institucións, empresas, fundacións, consellos reguladores, etc).
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da consellería pola que se dá publicidade a estas achegas para proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI). A Xunta xestionou case 2,4 millóns de euros para estas subvencións, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
O obxectivo principal desta liña de axudas é fomentar a innovación no medio rural, en áreas prioritarias de actuación tales como a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a cadea agroalimentaria, a bioeconomía ou a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao sector.
A estas subvencións acolléronse os grupos operativos da AEI constituídos para o desenvolvemento dun proxecto innovador. Desta forma, os beneficiarios foron os distintos membros destes grupos, tales como produtores, empresas do sector, centros de innovación e tamén entidades sen ánimo de lucro, asesoras na conservación ou no uso sustentable dos recursos naturais e outras con interese recoñecidos no ámbito rural.
A Asociación Europea da Innovación é un instrumento administrado directamente pola Comisión Europea e foi posto en marcha para contribuír á estratexia “Europa 2020” da UE. Persegue un crecemento intelixente, sustentable e integrador a través dunha rede que xunte a produtores, axentes de innovación e axentes de dinamización do medio rural. Estes colectivos son os denominados grupos operativos, beneficiarios destas achegas.
- Te recomendamos -