Inicio Galicia Un total de 200 persoas desempregadas en Ferrolterra recibirán asesoramento, formación e...

Un total de 200 persoas desempregadas en Ferrolterra recibirán asesoramento, formación e prácticas a través dos programas integrados de emprego impulsados pola Xunta

0

O delegado territorial, Ovidio Rodeiro, destacou que se celebrarán dous cursos nos que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 281.000 euros


O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na entrega de diplomas do Plan Integrado de Emprego (PIE) do curso de hostalería que se impartiu dentro do PIE 2017-2018. O PIE é unha iniciativa na que colaboran os concellos, as entidades e a Xunta para mellorar a formación das persoas desempregadas e para darlle máis opcións para atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas.

Durante a visita, o representante do goberno autonómico anunciou que en Ferrolterra se realizarán dous programas, en Ferrol e nas Pontes de García Rodríguez con A Capela, As Somozas, Moeche, Ortigueira, Cariño, Cerdido e Mañón. Estes programas permitirán formar a 200 desempregados dos cales cando menos, un 35% lograrán insertarse no mercado laboral. O programa previsto en As Pontes de García Rodríguez está dirixido exclusivamente para mulleres. Estes dous cursos suporán unha inversión na comarca de 281.000 euros.

No conxunto da provincia a Xunta vai desenvolver, nesta nova convocatoria, un total de nove programas integrados grazas a un investimento que supera os 1,7 millóns e chegarán a 900 desempregados. Así, coa participación de 20 concellos a Xunta sigue potenciando a colaboración con concellos e entidades para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

Ovidio Rodeiro apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

Entre os programas máis importantes da Xunta, que se desenvolven na contorna de Ferrol, destacan o cursos do Plan Galego de Formación 2018-2019 (AFD), os Obradoiros de Emprego e os Programas Integrados de Emprego que nesta comarca suman un total de 4 millóns de investimento para formar a 1.231 persoas.

Unhas actuacións que están contribuíndo á hora de consolidar a recuperación no terreo laboral, e que fan posible que Galicia conte cunha taxa de paro do 12,24%, o que supón 2,25 puntos menos que hai un ano. Para seguir avanzando neste camiño, o ano que vén a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 145 millóns de euros á formación e orientación.


- Te recomendamos -