Inicio Galicia Un total de 1545 familias galegas aforrarán 1M? ao ano na súa...

Un total de 1545 familias galegas aforrarán 1M? ao ano na súa factura enerxética grazas ás axudas da Xunta para a instalación de proxectos renovables

0

Os apoios permitirán mobilizar 11,3 millóns de euros no sector e a redución de emisións de CO2 equivalente á acción de 365.000 árbores


A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas para a implantación de enerxías renovables nos fogares galegos, da que se beneficiarán un total de 1545 familias que poderán aforrar ao redor dun millón de euros ao ano nas súas facturas enerxéticas.

En concreto, os proxectos que se van desenvolver recibirán 4,66 millóns de euros en axudas que permitirán a mobilización de 11,3 millóns no sector. A instalación destas tecnoloxías posibilitará aforros anuais de 2,45 millóns de litros de gasóleo ao ano e a redución de emisións de 7.300 toneladas de CO2, equivalente á acción de 365.000 árbores. Vanse desenvolver 951 proxectos de biomasa, 512 de aerotermia e enerxía solar e 82 de xeotermia.

Estes apoios súmanse ás axudas concedidas en materia de eficiencia enerxética e renovables a empresas, entidades sen ánimo de lucro e á administración local a través das que se impulsarán 434 proxectos que permitirán un aforro na factura enerxética dos beneficiarios de 5,5 millóns de euros ao ano. En concreto, trátase do programa de impulso ás enerxías renovables en empresas, institucións sen ánimo de lucro e administracións locais; e da convocatoria para impulsar o aforro en industria, servizos e sector agrícola primario.

Estes dous programas contan cunha axuda pública de 7,75 millóns de euros, que permitirá mobilizar arredor de 30 millóns de euros e contribuirá á creación ou mantemento de máis de 250 postos de traballo. Ademais, estas iniciativas van ter un importante impacto ambiental, permitindo deixar de emitir á atmosfera 25.700 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente á acción de 1.285.000 árbores.

Estas iniciativas enmárcanse nas novas Directrices Enerxéticas de Galicia 2018-2020, a través das cales se busca mellorar a calidade de vida dos galegos –mediante o abaratamento dos custos e o aumento da calidade da subministración– e a competitividade do tecido empresarial, apostando pola eficiencia e a potenciación das enerxías renovables de carácter autóctono. A través desta folla de ruta, búscase mobilizar máis de 3000 millóns de euros no sector enerxético ata 2020 e impulsar a creación de 12.000 empregos.

Estratexia de impulso á biomasaCos 951 apoios concedidos ás familias galegas para desenvolver proxectos de biomasa, segue adiante o compromiso do Goberno co impulso desta enerxía autóctona reflectido na Estratexia de impulso á biomasa.

As axudas que se veñen de conceder supoñen un investimento da Xunta de 2,37M€ e unha mobilización de 5,54. As familias poderán beneficiarse dun aforro anual de 1,86 millóns de litros de gasóleo e de 750.000 euros anuais na subministración enerxética. Cunha potencia de 18,63 MW estas instalacións permitirán, ademais, a redución de emisións asociadas de CO2 de 5.600 toneladas, o equivalente á acción de 280.000 árbores.

Co impulso da utilización da biomasa, a Xunta está a apoiar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecendo a economía familiar e das pemes, xerando emprego cualificado e mellorando a calidade de vida da cidadanía.


- Te recomendamos -