O importe subvencionable ascende a 3,7 millóns de euros, é dicir, un 27,1% máis que o executado na convocatoria pasada
A Consellería do Medio Rural beneficiará un total de 115 empresas ubicadas no rural galego a través da liña de axudas a investimentos non agrarios. A achega global é de 3,7 millóns de euros para un importe mobilizado de 8,2 millóns de euros. Así o destacou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.
A través desta liña de subvencións, que medrou un 27,1% con respecto ao ano pasado, as entidades beneficiarias ampliarán ou modernizarán a súa ocupación por medio da adquisición de maquinaria e equipamento, co fin de mellorar o seu proceso produtivo. Destas 115 empresas, 26 son da provincia da Coruña e outras tantas en Lugo e Ourense, mentres que a cifra en Pontevedra chega ás 37.
Este gasto supón un estímulo para xerar emprego nestas áreas rurais, de feito a previsión é que se creen 96 novos postos de traballo e se consoliden outros 1.000 nas empresas beneficiarias. Ademais, destaca tamén que dos novos postos xerados, 40 estarían ocupados por persoas pertencentes aos colectivos con maior dificultade á hora de atopar traballo, como son os menores de 25, desempregados con máis de 55 anos ou persoas con diversidade funcional.
O director salientou a importancia destas axudas para dinamizar o medio rural, pois ademais de fixar poboación a través da consolidación e creación de novos postos de traballo, mellórase a propia competitividade das zonas rurais ao fomentar a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sostibilidade do medio rural, tanto en termos sociais como económicos.
Outras convocatoriasDurante a súa intervención, Pérez Dubois tamén deu conta dos resultados das dúas últimas convocatorias e sinalou que se constatou unha importante demanda por parte das persoas destinatarias. Así, no ano 2016 investíronse case 2,2 millóns de euros en 49 empresas e no 2017 foron 78 as beneficiarias cunha achega de 2,9 millóns de euros.
O director remarcou que nestes últimos tres anos, a Consellería do Medio Rural investiu a través desta liña de achegas case 8,9 millóns de euros, permitindo así consolidar 2.102 postos de traballo e crear outros 187 no agro galego. Uns datos que evidencian o potencial que ten o agro e a necesidade de seguir apostando polo seu futuro, finalizou o director Pérez Dubois.
- Te recomendamos -