A comunidade galega ocupa a primeira posición no número de recoñecementos para os sendeiros azuis cun total de 23, dos cales os sendeiros da Costa da Morte en Camariñas, o Paseo Ruta das Praias de Foz, e o tramo Areas-Punta Festiñazo do Sendeiro azul de Sanxenxo o reciben por primeira vez
A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2018. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 109; que se eleva a 124 distincións para praias e portos deportivos; polo que a sitúa na segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 146 distincións.
Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 25% (24,50) das 590 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalá (123 bandeiras).
Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 13 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2017; e a recuperación da bandeira azul para a praia de Santa Marta en Baiona; e de Areas e Caneliñas, en Sanxenxo.
Na provincia da Coruña, os municipios de Arteixo e Boiro son os que máis recoñecementos deste tipo obteñen este ano, con sete; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos. As praias de Mañóns (Boiro), Razo (Carballo) e Oza (A Coruña) volven sumarse aos listado de areais galardoados coa bandeira azul.
Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello máis recoñecido, con cinco galardóns para as praias de Areoura, Peizás, Llás, As Polas e A Rapadoira; mentres que perde o distintivo para a praia da Pampillosa; e a praia do Portelo, en Burela, tamén lucirá este distintivo xunto coas praias da Marosa e Ril.
Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.
Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de sendeiros azuis, xa que suma 23 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. (Ao final das táboas coa relación de bandeiras azuis para os areais galegos, indícanse os sendeiros distinguidos).
Portos deportivos, centros e sendeiros azuisEn relación aos portos deportivos, en 2018 Galicia obtén 15 galardóns, sendo a provincia da Coruña a primeira en encabezar a lista con sete portos, seguida por Pontevedra con seis e dous da provincia de Lugo.É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 17 centros azuis, dous máis que na anterior edición, dun total de 74 en toda España. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sustentable, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul. O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Vigo, Redondela, Marín, Oleiros, Boiro, Muros, A Laracha, Camariñas, Burela e Cervo, por ser quen de manter estes recoñecementos.
A continuación detállase por provincias, concellos e areais e indicase en amarelo as praias con nova bandeira nesta edición:PROVINCIA DA CORUÑA
- Te recomendamos -