Inicio Galicia Un grupo de 30 escolares, acompañados de pais e nais, aprenderán mañá...

Un grupo de 30 escolares, acompañados de pais e nais, aprenderán mañá a programar videoxogos de naves espaciais no IV Scratch Day

0

A iniciativa, organizada polo CPETIG e a Amtega, busca contribuír a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre a programación informática 


Mañá, sábado 20 de outubro, terá lugar na Cidade da Cultura o IV Scratch Day, unha iniciativa na que participarán 30 escolares de entre 7 e 15 anos que aprenderán a programar co seu ordenador videoxogos de naves espaciais, tendo que asistir a esta sesión práctica acompañados polos seus pais ou nais.

O IV Scratch Day, organizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega9, ten como obxectivo difundir os valores da programación informática entre os nenos e os seus pais, de xeito que os participantes poden acceder ao mundo da programación de forma lúdica e divertida.

Pero amais, o CPETIG busca que esta iniciativa contribúa a eliminar mitos en relación á programación informática e a superar desde a infancia os estereotipos de xénero sobre este área do coñecemento, difundindo as posibilidades que ofrecen as TIC e reducindo a fenda dixital de xénero.

O CPETIG e a Amtega conciben esta formación no contexto da familia por considerar decisiva a implicación dos pais e as nais, como apoio e motivación para que os seus fillos se sintan atraídos cara á programación informática, de xeito que esta actividade non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.

A formación do Scratch Day será impartida pola Asociación Programamos, dedicada a promover o desenvolvemento do pensamento computacional en todas as etapas escolares, a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles


- Te recomendamos -