O traballo consistiu nun estudo comparativo sobre a diversidade de levaduras en uvas e mostos de produción ecolóxica fronte a produción convencional en diferentes zonas de Galicia
Un estudo sobre viñedo ecolóxico realizado na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) e liderado por David Castrillo Cachón, recibiu o accésit dos XX Premios Nacionais en Investigación e Defensa da Produción Ecolóxica “Andrés Núñez de Prado”.
Estes galardóns, outorgados na localidade cordobesa de Baena e organizados pola asociación Ecovalia, perseguen recoñecer o labor de quen traballa en temas relacionados coa produción ecolóxica. Entre os candidatos á modalidade de investigación, o xurado priorizou aqueles traballos que vinculasen este tipo de produción coa mitigación e adaptación ao cambio climático. Neste sentido, o traballo “Viñedo ecolóxico vs convencional: reservorio de biodiversidad de fermentos para a adaptación aos efectos do cambio climático e a tipicidade do viño” realizado na Evega, ente dependente da Consellería do Medio Rural, conseguiu este recoñecemento especial.
O traballo consistiu nun estudo comparativo sobre a diversidade de fermentos en uvas e mostos de produción ecolóxica fronte á produción convencional en diferentes zonas de Galicia, así como a súa influencia sobre o perfil químico e sensorial dos viños. Esta diversidade estudouse durante tres campañas consecutivas (2013-2015) nas variedades treixadura, albariño, mencía e brancellao, identificándose así 46 especies distintas pertencentes a 22 xéneros.
O análise sensorial de viños ecolóxicos comerciais de Galicia, puxo de manifesto que a produción ecolóxica permite a obtención de viños de calidade diferenciada, incluso nalgúns casos foron preferidos fronte aos convencionais polos propios catadores. Os resultados do estudo mostraron que o viñedo é unha importante reserva da diversidade de fermentos, especialmente en cultivo ecolóxico, que debe ser preservado como un recurso cun potencial uso para mellorar a calidade e tipicidade dos viños fronte aos novos retos e necesidades, incluso máis alá do campo enolóxico.
- Te recomendamos -