Inicio Galicia Turismo de Galicia pon en valor os máis de 137.000 euros investidos...

Turismo de Galicia pon en valor os máis de 137.000 euros investidos na mellora do núcleo histórico do santuario da Franqueira, na Cañiza

0

Ao abeiro dun convenio asinado con este concello pontevedrés, o proxecto incluíu o acondicionamento interior desta contorna, que recibe milleiros de visitantes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe na Cañiza á tradicional Romaría das Pascuillas, que se celebra ano a ano na contorna do Santuario da Franqueira e aproveitou para comprobar os avances das últimas actuacións de mellora impulsadas polo seu departamento neste núcleo histórico, nas que Turismo de Galicia investiu máis de 137.000 euros ao longo dos últimos meses.

En virtude dun convenio de colaboración asinado o ano pasado con este concello, o proxecto incluíu o acondicionamento interior do núcleo da Franqueira, que adoita reunir a milleiros de peregrinos e visitantes tanto en celebracións como a de hoxe como na romaría da Virxe da Franqueira, en setembro, unha das 120 festas de Interese Turístico de Galicia. Leváronse a cabo actuacións en todo o conxunto de rúas interiores para completar así o proceso de remodelación que xa se estaba executando. Os traballos centráronse no firme, detalles de encontros entre rúas e vivendas, sumidoiros e cambio de luminarias existentes.

Con estas actuacións séguese a pór en valor un gran atractivo turístico da provincia de Pontevedra, onde se erixe o santuario Nosa Señora e Virxe da Franqueira, que rende culto á imaxe da Virxe da Fonte, coñecida por ser unha das imaxes marianas máis antigas de toda Galicia, xunto coa Virxe da Barca e das Ermidas.

Santuarios MáxicosO Santuario da Franqueira forma parte da experiencia turística impulsada ao abeiro do produto cabeceira de marca de Turismo de Galicia, Santuarios Máxicos, que propón a visita a diferentes santuarios galegos. Ademais, este santuario tamén conta cunhas magníficas vistas desde os Miradoiros do Paradanta e con extensas áreas recreativas.

Os traballos realizados no núcleo da Franqueira enmárcanse no compromiso do Goberno galego por apoiar aos concellos na conservación dos seus recursos singulares e do patrimonio material e inmaterial de Galicia para fomentar o seu coñecemento e desenvolvemento turístico. Así se recolle na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que inclúe os compromisos da Xunta para desenvolver un modelo turístico de calidade e sustentable e construír un destino único cunha oferta especializada e diversificada.


- Te recomendamos -