O Goberno autonómico impulsará a promoción desta celebración, que se converte cada verán nun dos mellores expoñentes do potencial enoturístico galego
Turismo de Galicia apoiará un ano máis a celebración e promoción da Festa do Viño Albariño, unha das 12 festas de interese turístico nacional que teñen este recoñecemento en Galicia e que celebrará a súa LXVI edición o vindeiro mes de agosto. Este apoio da Administración autonómica materializouse hoxe co acto de sinatura dun convenio entre Turismo de Galicia e o Concello de Cambados.
En virtude deste acordo, apoiaranse distintas accións de promoción desta festividade, a primeira da provincia de Pontevedra que acadou a declaración de Interese Turístico Nacional, no ano 1990. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, puxo en valor a importancia desta festividade á que cualificou como un dos mellores expoñentes do potencial enoturístico da Comunidade galega.
Neste sentido, salientou a súa contribución para que cada día sexan máis os viaxeiros interesados na enogastronomía galega, unha das principais motivacións á hora de viaxar. En concreto, é xa a segunda razón pola que nos visitan. “No Goberno galego temos claro que temos que seguir coidando do enoturismo, apostando pola excelencia e tendo moi en conta que somos líderes en calidade neste eido, con preto da metade das adegas españolas con Q de Calidade Turística en Galicia e tamén sendo conscientes de que é un dos principais protagonistas de festas como esta”, indicou Nava Castro.
Máis de 140 festas de interese turísticoTamén se referiu á importancia das festas ao contribuír a avanzar no obxectivo de Galicia de converterse cada vez nun destino máis internacional e recordou o compromiso da Xunta, incluído na Estratexia de turismo de Galicia 2020, por impulsar o enfoque turístico dos recursos singulares, onde as festas de interese turístico ocupan un lugar central.
A Festa do Viño Albariño é unhas das máis xenuínas de Galicia, sendo a festa vitivinícola más antiga da Comunidade e a segunda de España. En total, Galicia conta nestes momentos con 141 festas repartidas por todo o seu territorio que gozan dalgún tipo de interese turístico. Delas, nove son de Interese Turístico Internacional, 12 de Interese Turístico Nacional e 120 de Interese Turístico de Galicia.
- Te recomendamos -