Inicio Galicia Sumrrá actuará no Womex 2018 de Gran Canaria co apoio da Xunta...

Sumrrá actuará no Womex 2018 de Gran Canaria co apoio da Xunta de Galicia

0

O trío galego será parte do cartel do escenario específico Atlantic Connections, que terá lugar en Las Palmas, acolléndose ao acordo entre a Agadic e a promotora internacional do evento


O trío galego Sumrrá resultou seleccionado pola organización de Womex (World Music Expo) para formar parte do cartel do escenario específico Atlantic Connections, dedicado á música dos territorios conectados polo Océano Atlántico, co que se incorpora á programación do evento que este ano terá lugar en Las Palmas de Gran Canaria do 24 ao 28 de outubro.

Para levar a cabo esta actuación, o grupo acollerase ao acordo acadado entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a promotora de Womex, polo que se prestará apoio aos gastos de desprazamento dos galegos para participar neste encontro, considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música tradicional e de raíz de todo o mundo.

Sumrrá é, polo de agora, a única representación artística da música galega que actuará en vivo en Womex 2018, un evento que volve a España despois da súa última edición de 2017 en Katowice (Polonia) e de que levara a cabo dúas entregas anteriores en Santiago de Compostela (en 2016 en 2014), tamén coa colaboración da Xunta.

No recinto feiral que se instalará este ano na capital grancanaria, Galicia terá presenza así mesmo coa marca GalicianTunes da Agadic, que ocupará un espazo diferenciado dentro da plataforma conxunta Sounds from Spain organizada por ICEX España Exportación e Inversiones xunto con outras institucións, entidades e colectivos do sector musical de todo o ámbito estatal.

Con case 20 anos de traxectoria, Sumrrá, integrado Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e Lar Legido (batería) é o trío de jazz galego máis internacional. Cunha das carreiras máis constantes e sólidas e concertos realizados nos cinco continentes, a crítica especializada ten eloxiado esta formación inclasificable, salientando a orixinalidade das súas composicións, o virtuosismo dos seus integrantes e a contaxiosa frescura dos seus directos. Sumrrá non entende de modas, de etiquetas, nin de estilos e, na actualidade, acaba de editar o seu sexto disco, 6 Mulleres, no que se lles rende tributo a figuras que loitaron pola causa feminista en todo o mundo.


- Te recomendamos -