O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se someten a información pública as tres peticións e se abre un período de 20 días para que todos os interesados poidan consultar os expedientes e facer as súas alegacións
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018-. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se someten a información pública varias solicitudes para ampliar o Catálogo galego de árbores senlleiras coa incorporación de dous novos exemplares e unha formación. Concretamente, as propostas refírense a un castiñeiro e a unha carballeira localizados no Concello de Muíños e a outro castiñeiro en Taboadela.
Deste xeito, ábrese a partir de mañá un período de 20 días hábiles durante o cal os interesados poderán presentar a documentación, observacións ou alegacións que estimen oportunas con relación á inclusión destes tres elementos no referido catálogo.
A información dos expedientes estará dispoñible para a súa consulta nas dependencias da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en San Lázaro (Santiago de Compostela) e na Xefatura Territorial de Medio Ambiente en Ourense, e tamén poderá examinarse de forma dixital a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
O obxectivo de promover a inclusión dun exemplar ou formación arbórea dentro do Catálogo galego de árbores senlleiras é garantir a protección e conservación dos mesmos, ao entender que pola súa propia singularidade, merecen ser preservados e inventariados.
No caso da árbore e da formación localizadas en Muíños, a solicitude foi presentada en nome do propio concello, mentres que o expediente de Taboadela ten a súa orixe na petición formulada por un particular.
O Catálogo galego de árbores senlleirasO Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecedoras dunha protección especial en atención a características excepcionais tales como o porte, as proporcións, a idade, a rareza, a significación histórica ou cultural, o interese científico, educativo, estético ou paisaxístico, ou outro tipo de circunstancias.
Trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións públicas, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza. De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este catálogo foi obxecto xa de diversas revisións.
Na actualidade, hai un total de 188 elementos (150 exemplares e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:
- Te recomendamos -