Inicio Galicia Sanidade presenta o proxecto Biblioterapia como apoio ao tratamento dos trastornos mentais

Sanidade presenta o proxecto Biblioterapia como apoio ao tratamento dos trastornos mentais

0

Un grupo de traballo integrado por diversos profesionais centrou o seu esforzo na análise dunha serie de titulos para conformar o listado definitivo


A biblioterapia como apoio a persoas con trastornos mentais, tales como depresión ou ansiedade, entre outros, é o novo proxecto da Consellería de Sanidade que hoxe acaba de presentar o departamento sanitario autonómico nun acto que estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. A iniciativa parte dunha premisa clave que é utilizar o libro e a lectura cun obxectivo terapéutico na abordaxe desta problemática. É dicir, que facultativos e profesionais sanitarios poidan prescribir unha serie de lecturas como se foran medicamentos.

A iniciativa xorde da proposta de pacientes con problemas de saúde mental e familiares que colaboran con Sanidade. Tamén conta cun amplo respaldo dos clínicos implicados, tanto de atención primaria como hospitalaria.

A estratexia non é exclusiva da nosa Comunidade, senón que se basea na experiencia de iniciativas postas en marcha noutros países europeos con éxito no campo clínico, especialmente a do Reino Unido, onde o seu programa de Books on Prescription (libros con prescripción) é un referente internacional na implementación de programas de autoaxuda no sistema sanitario.

A Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Servizo de Saúde Mental do Sergas puxeron en marcha o pasado ano un grupo de traballo integrado por profesionais de ambos servizos, do Sergas e de Bibliosaúde, no que tamén participaron profesionais da Facultade de Psicoloxía da USC e da Federación de Asociacións de Familiares de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes). O grupo centrou o seu esforzo na análise dunha serie de títulos de autoaxuda e ensaio, facendo unha revisión paralela e analizando os textos que finalmente conformaron o listado definitivo, vendo a súa idoneidade e que efectos poden ter sobre o paciente.

O proxecto galego de biblioterapia rexistra, como punto de partida, 142 libros recomendados para apoiar o proceso terapéutico de trastornos e problemas moi variados. Trátase dunha lista coidadosamente seleccionada, avaliada e validada por expertos tanto do eido sanitario como do literario e conta tamén con achegas dos pacientes a través de asociacións do ámbito da saúde mental, como Feafes Galicia e Itinera.

As lecturas que aparecen na guía están clasificadas en relación ao tipo de trastorno ou problema para o que poden servir de apoio tamén en función da idade dos destinatarios. Están presentadas en dous grandes bloques: libros de autoaxuda e psicoeducación, recomendados polos profesionais sanitarios, nos que se ofrecen técnicas e información para comprender e afrontar os problemas; e novelas e libros de non ficción, recomendados por pacientes e expertos en literatura e biblioterapia, que son unha fonte de experiencias persoais, emocións e coñecementos sobre a vida, e nos que o paciente se pode ver reflectido e atopar un reforzo positivo.

Nenos, adolescentes e adultosEste proxecto de biblioterapia foi impulsado pola Unidade de Asesoramento Científico-Técnico (Avalia-t), da Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS), e coordinado en colaboración co Servizo de Saúde Mental e Atención ás Drogodependencias do Sergas e Bibliosaúde (Biblioteca Virtual do Sistema público de saúde de Galicia).

As dúas grandes liñas desta estratexia consistiron en deseñar unha guía práctica de intervención para os profesionais e un listado de títulos aconsellados para a abordaxe dos trastornos mentais en nenos, adolescentes e adultos, que poderán ser empregados como apoio no seu tratamento. Os títulos e pautas foron avaliados por unha comisión de técnicos e profesionais no eido da saúde mental e apoiados na bibliografía sobre a materia.

Para as recomendacións do xénero da novela fíxose unha petición ás asociacións de pacientes, doentes, pais ou familiares, de tal xeito que, partindo da súa experiencia, sinalasen que títulos podían ser susceptibles de empregarse. Tamén contouse co apoio de expertos do ámbito literario e de sociedades científicas.

A guía engloba unha serie de propostas e recomendacións que serán de utilidade ao profesional sanitario para que, no contexto da súa consulta, poida “prescribir” un determinado libro a un paciente con trastorno mental. A través destas lecturas ‘guiadas’, a persoa non só poderá obter un coñecemento máis profundo do seu problema, senón tamén unha maior confianza no manexo e na abordaxe dos seus síntomas. Este proxecto vaise implementar polo Sergas nos hospitais galegos, a través das bibliotecas hospitalarias e en colaboración cos profesionais sanitarios.

Os libros recomendados estarán dispoñibles nas bibliotecas dos hospitais e na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como na plataforma de libros electrónicos GaliciaLe.


- Te recomendamos -