Inicio Galicia Sanidade organiza o I Curso de instrutores de simulación médica

Sanidade organiza o I Curso de instrutores de simulación médica

0

Esta formación está destinado a profesores e colaboradores docentes de Ciencias da Saúde en colaboración coa da Universidade de Santiago

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, remarcou esta mañá o esforzo que está a facer a súa Consellería para impulsar a formación e a capacitación profesional do persoal do Sergas a través da Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde (ACIS). Almuiña fixo estas declaracións na inauguración do I Curso de instrutores de simulación médica para profesores e colaboradores docentes de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago.

Segundo o conselleiro “este curso, froito da cooperación entre ACIS e a Universidade de Santiago, plasma a necesaria colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade, baseada en obxectivos comúns e na utilización racional dos recursos materiais e os docentes, que en moitos casos levan a cabo a súa actividade en ambas institucións”.

Para Almuiña, este curso permitirá que os alumnos de Grao poidan beneficiarse da metodoloxía formativa máis avanzada o que tamén repercutirá en vantaxes para os pacientes no futuro, xa que “o adestramento sistemático é recoñecido como o camiño para obter o mellor rendemento do equipo asistencial”. Ademais, afirmou que o curso “asegura a continuidade na formación e a súa integración, dende a Universidade ata a actividade laboral, que precisa un esforzo de formación continuada dos profesionais que pretenden ser excelentes”.

O titular de Sanidade destacou que ACIS ven impulsando a formación e capacitación profesional do persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia introducindo metodoloxías e modalidades formativas innovadoras “fortalecendo un sistema formativo que persiga a excelencia e colabore na procura de solucións ás demandas da organización e da cidadanía á que presta servizo”.

Para levar a cabo estas e outras iniciativas, Jesús Vázquez Almuiña remarcou a dotación das novas instalacións de simulación en Lugo e Vigo ou centro virtual de xestión e análise avanzado automatizado de adestramento sanitario (CESIM), adquirido a través da compra pública innovadora.


- Te recomendamos -