A Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda consumir só alimentos dos que se coñeza a súa orixe
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, aconsella a aplicación do decálogo de hixiene e seguridade alimentaria da Organización Mundial da Saúde para asegurar un verán saudable e lembra os consellos básicos para previr enfermidades de transmisión alimentaria, especialmente nos meses de verán. Neste senso, destaca a importancia da utilización do frío para a conservación dos alimentos, o cociñado completo dos mesmos e acadar temperaturas de arredor de 70ºC como mínimo cando se requenten alimentos xa preparados.
Para evitar ou minimizar os factores que contribúen á contaminación dos alimentos, Sanidade lembra que deben adquirirse alimentos que sexan hixienicamente seguros; polo que se recomenda mercar os produtos nos establecementos que conten cos pertinentes controis sanitarios e que procedan de industrias autorizadas e rexistradas. No caso de estar envasados, deben contar coa correspondente etiquetaxe e a data de caducidade debe atoparse dentro dos límites establecidos.
A Administración sanitaria galega subliña que as temperaturas máis altas do verán poden favorecer o deterioro máis rápido das comidas. Por iso recomenda cociñar tan preto da hora de comer como sexa posible, consumindo os alimentos preparados de xeito inmediato. No caso contrario, o recomendable é gardar os alimentos cociñados na neveira, por debaixo dos 5ºC. Non deben deixarse a temperatura ambiente, xa que algunhas bacterias multiplícanse moi rapidamente nestas circunstancias. Tamén é importante refrixerar toda a materia prima perecedoira que non se consuma de xeito inmediato, así como controlar regularmente a temperatura do frigorífico ou do conxelador.
A separación de alimentos é outra das normas básica á hora de cociñar de maneira segura, de cara a previr infeccións e intoxicacións. Os alimentos crus poden conter bacterias que contaminen outros alimentos. Precisamente por iso é importante gardar en recipientes separados, protexidos hermeticamente, os crus dos cociñados, de modo que nunca entren en contacto.
A importancia da limpezaA hixiene frecuente das mans cando se está a manipular alimentos é sempre importante, pero especialmente nos meses de calor, dado que as condicións térmicas provocan o maior estrago dos mesmos. De aí que a Dirección Xeral de Saúde Pública recomende lavar ben as mans con auga e xabón, tanto ao empezar o traballo como no cambio de actividade e tantas veces como sexa necesario.
Tamén hai que manter escrupulosamente limpas todas as superficies sobre as que se van preparar os alimentos, sobre todo se se trata de alimentos crus (carne, peixe, ovos…), así como os utensilios de cociña (hai que utilizar utensilios diferentes para manipular os alimentos crus e os cociñados, ou limpalos moi ben entre un uso e outro).
Finalmente, e para asegurar un verán saudable, a Consellería de Sanidade recomenda utilizar sempre auga potable; lavar ben a froita e a verdura (sobre todo se se comen crúas); manter os alimentos protexidos dos insectos e doutros animais; non conxelar produtos que previamente foron desconxelados e seleccionar alimentos saudables e frescos.
- Te recomendamos -