En total, foron atendidas 377 persoas, entre a madrugada e a mañá de hoxe
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018.- A Consellería de Sanidade informa que permanecen ingresadas sete persoas que resultaron feridas onte nun dos concertos do festival do Marisquiño. Tres dos feridos están ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro (un deles na UCI), outro paciente ingresado foi trasladado dende o Hospital Álvaro Cunqueiro ao Hospital Universitario de Santiago, e outros tres permanecen ingresados no Hospital Povisa.
Un total de 377 persoas, que resultaron feridas de distinta consideración no accidente, foron atendidas entre a madrugada e a mañá de hoxe, nos distintos dispositivos asistenciais. Por centros, 172 pacientes atendéronse no Hospital Álvaro Cunqueiro, 35 no PAC de Vigo, 4 no PAC de Redondela, 94 en Povisa, 26 en Fátima, 11 no Hospital Montecelo, 7 en El Castro, 1 en Concheiro, 3 en Domínguez e 24 no punto de atención do 061.
Na Central de Urxencias do 061 atendéronse, durante o día de hoxe, un total 80 de chamadas solicitando información do accidente.
Os recursos mobilizados para atender aos feridos foron 5 UVIs, 12 ambulancias de soporte vital básico, 24 ambulancias de apoio, 3 ambulancias de Cruz Vermella, 2 equipos sanitarios do PAC, 3 vehículos de apoio loxístico e 1 vehículo de Protección Civil. Sinalar, ademais, que no lugar do accidente, o 061 instalou un posto de mando médico, un punto de triaxe inicial e un posto de carga de ambulancias.
A Consellería de Sanidade agradece o traballo dos profesionais do 061 e dos PACs e hospitais, e sinala que no Hospital Álvaro Cunqueiro reforzouse o persoal para atender a todos os accidentados.
Para coñecer se os cidadáns foron atendidos nos centros sanitarios como consecuencia do accidente, prégase chamar ao 061.*Información actualizada ás 18:30h
- Te recomendamos -