Agradeceu o traballo do Consello Regulador do Mexillón para abordar o tratamento do lixo mariño a través da Guía de boas prácticas do cultivo do mexillón
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o obxectivo común da Consellería do Mar e do Consello Regulador do Mexillón de Galicia de abordar a xestión e tratamento do lixo mariño. Neste sentido, a conselleira puxo en valor o labor do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) na loita contra o lixo mariño. Fíxoo durante a presentación da Guía de boas prácticas do cultivo do mexillón en Galicia para a redución dos lixos mariños, do Consello Regulador do Mexillón de Galicia.
Neste cometido, explicou, ambos centros traballan a través de proxectos como PROTECMA, liderado polo Cetmar ou o proxecto CleanAtlantic, coordinado polo Intecmar, que abordan a loita contra o lixo mariño no Espazo Atlántico. Ademais agradeceu ao Consello Regulador do Mexillón o seu traballo neste eido a través da elaboración da Guía de boas prácticas do cultivo do mexillón en Galicia para a redución dos lixos mariños, que se presenta hoxe. Un documento, sinalou, moi útil e con medidas moi sinxelas de aplicar, tanto pola súa simplicidade como polos bos e rápidos resultados que se obteñen.
Este tipo de ferramentas, destacou Rosa Quintana, son importantes para preservar conxuntamente o recurso, o hábitat que o contén e o profesional que o recolle e para traballar na concienciación ambiental de todos os axentes que forman parte do sector. Nesta liña, incidiu na necesidade de mentalizar á cidadanía e de actuar. Un cometido, explicou, que precisa dun motor potente que guíe ao sector e que en Galicia está representado nos centros de investigación como o Cetmar, o Intecmar ou o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).
En concreto o Cetmar e o Intecmar traballan, estudan e investigan para protexer, rexenerar e mellorar a xestión do medio e dos recursos mariños. A súa actividade está orientada, entre outras funcións a previr, responder e mitigar a contaminación mariña e a facer o seguimento e control da calidade ambiental das augas costeiras. Ademais os dous centros desenvolven iniciativas e proxectos no campo da loita contra a contaminación mariña accidental e da oceanografía operacional.
Exemplos de proxectosA Consellería do Mar participa, a través do Cetmar e do Intecmar en distintos proxectos relacionados coa xestión e tratamento do lixo mariño. Un exemplo é PROTECMA, proxecto plataforma tecnolóxica para a protección da costa e do medio mariño. Esta iniciativa, liderada polo Cetmar, ten como obxectivo desenvolver e implantar unha estratexia de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación dirixida á protección da costa e do medio mariño.
Outro exemplo é CleanAtlantic, un proxecto no que participan Cetmar e Intecmar e ten como obxectivo protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos na zona do Atlántico a través da mellora das capacidades para monitorear, previr e eliminar desperdicios mariños.
O sector do mexillónPor outra banda, a conselleira do Mar tamén destacou o carácter de potencia mundial de Galicia na produción de mexillón, un eido no que desde o ano 2013 xerou preto de 517 millóns de euros pola venda de 1,2 millóns de toneladas de produto. Estes datos de Galicia do último lustro representan o 94% de ingresos xerados en primeira venda por este molusco e o 97% do volume total obtido en España. Ademais só no último exercicio obtivéronse 267.000 toneladas por un valor de 122 millóns de euros. Estas cifras fan do mexillón a especie máis importante de entre os moluscos cultivados en España e a máis representativa de entre as especies de acuicultura comercializadas no país.
- Te recomendamos -