Inicio Galicia Rosa Quintana felicita á ONCE por visibilizar o labor das mulleres do...

Rosa Quintana felicita á ONCE por visibilizar o labor das mulleres do mar co concurso de fotografía Veo Evolución

0

A conselleira sinalou que a fotografía Marejada en Testal, do arquitecto e fotógrafo Pedro García e gañadora do concurso, di todo sobre a forza das mulleres do mar de Galicia e representa o duro traballo que realizan

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Noia o labor da ONCE a través do concurso público de fotografía Veo Evolución, xa que contribúe a aumentar os niveis de sensibilización social e a visibilizar o traballo das nosas mulleres do mar. Así o sinalou durante a presentación do cupón da ONCE, dedicado á fotografía gañadora deste concurso, nomeada como Marejada en Testal, e que foi realizada polo arquitecto e fotógrafo Pedro García.

A conselleira do Mar explicou que con esta imaxe “a ONCE sitúa ás mariscadoras de Galicia como o que son, un dos símbolos máis senlleiros da nosa terra e do noso mar”. Ademais puxo en valor o labor artístico de Pedro García e felicitouno por retratar un dos bens máis prezados de Galicia.

En relación a Veo Evolución, celebrado con motivo do 80 aniversario da ONCE, a titular de Mar subliñou que “é algo máis que un concurso de fotografía, é un buscador de historias, de sentimentos e pensamentos nos que se reflicte a nosa idiosincracia”. Neste sentido, sinalou que con esta iniciativa a ONCE “plasma a evolución social da nosa comunidade co fin de compartilo con todos os que diariamente ou de forma exporádica compran o cupón”.

En canto á fotografía gañadora do concurso, a conselleira sinalou que “di todo sobre a forza das mulleres do mar de Galicia e que conta a historia en feminino de centos de persoas que faenan nas nosas rías”. Tamén representa, engadiu, o duro traballo que realizan as mulleres durante as duras campañas de recollida de bivalvos na ría de Muros e Noia.

Neste sentido, Rosa Quintana, lembrou o traballo da Administración galega iniciado hai máis de 25 anos para a profesionalización dun colectivo formado por máis de 2.800 mulleres e a súa inclusión na Seguridade Social, a cotización por unha pensión e o alcance do posto que lles correspondía na xestión do seu labor.

Veo Evolución GaliciaCon motivo do seu 80 aniversario, a ONCE celebrou o concurso público de fotografía Veo Evolución. O obxectivo é buscar as fotografías que mellor reflictan a evolución social, en calquera das súas facetas, en cada unha das 17 comunidades autónomas e as dúas cidades autónomas. As imaxes gañadoras aparecerán impresas nos cupóns da ONCE, asinadas co nome e apelidos do seu autor, ademais de ser presentadas publicamente.

En Galicia a foto vencedora foi Marejada en Testal, do arquitecto e fotógrafo Pedro García Losada, e ilustra o cupón de hoxe. Trátase da imaxe dunha mariscadora da ría de Muros e Noia, que representa, por unha parte, a forza do traballo feminino das mariscadoras e, por outra parte, o duro traballo que realizan durante as campañas de recollida de bivalvos.


- Te recomendamos -