Destacou o gran paso efectuado pola Asociación de Maioristas e o porto, que veñen de acordar que será a propia asociación a que xestione os alugueres dos locais que utilizan os maioristas e os poxadores de peixe no peirao da Palloza
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou esta mañá na Coruña a capacidade de autoxestión do sector pesqueiro galego para acadar maiores beneficios no exercicio da súa actividade. Así o destacou esta mañá tras visitar xunto co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Enrique Losada, un local de procesado de marisco e de manter unha xuntanza coa Asociación de Maioristas Exportadores de Peixe do Porto da Coruña.
Así, na xuntanza a conselleira destacou o gran paso efectuado pola Asociación de Maioristas Exportadores de Peixe do Porto da Coruña e a Autoridade Portuaria da Coruña que veñen de acordar que a partir do mes de xuño será a propia asociación a que se encargue de xestionar os alugueres dos locais que utilizan os maioristas e os poxadores de peixe no peirao da Palloza. Neste aspecto, agradeceu o esforzo feito pola asociación e o porto “para conseguir o que defendemos sempre como unha autoxestión”, dixo.
Nesta liña, Rosa Quintana subliñou que son os profesionais do sector os que mellor coñecen as súas necesidades e por iso son os máis capacitados para xestionar as infraestruturas dedicadas á pesca.
Ademais, no eido da autoxestión lembrou que a Autoridade Portuaria da Coruña, de acordo coa Xunta e co sector, está a acometer unha inversión de 1,1 millóns de euros na renovación das infraestruturas nas radas da Palloza e de Oza coa finalidade de “mellorar as posibilidades de traballo do sector”. Unhas melloras, sinalou a conselleira, que consisten na renovación da iluminación e na instalación de luminarias tipo led, na pavimentación e ordenación dos tráficos, na impermeabilización das cubertas, no pintado dos edificios e na instalación dun pantalán flotante para as embarcacións de baixura.
Finalmente, a titular de Mar reiterou que acordos como o acadado hoxe entre o sector e as administracións son fundamentais para impulsar o bo funcionamento das instalacións portuarias e para fomentar os tráficos, sempre baixo a clave da coordinación, explicou. Ao tempo, aproveitou para poñer ao Porto da Coruña como exemplo na xestión dos seus espazos. Neste aspecto, lembrou a importancia de realizar accións conxuntas tamén entre os portos autonómicos e os de interese xeral do Estado, coa finalidade de sumar sinerxías e traballar na mesma dirección, a da aposta pola competitividade.
- Te recomendamos -