Inicio Galicia Rosa Quintana enxalza a aposta do porto de Vigo polas enerxías renovables...

Rosa Quintana enxalza a aposta do porto de Vigo polas enerxías renovables como o gas natural licuado

0

A iniciativa Core LNGas Hive busca establecer as infraestruturas necesarias para subministrar GNL como combustible para o sector marítimo na Península Ibérica 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe a aposta do Porto de Vigo pola redución de emisións e polo uso de enerxías renovables como o gas natural licuado (GNL). Unha aposta, explicou, que se enmarca no obxectivo Vigo, porto verde da estratexia de Crecemento Azul que desenvolve este porto e que pon en práctica en proxectos como Core LNGas Hive, para o subministro de enerxía eléctrica a buques ro-ro a través dun xerador de GNL.

Así o subliñou a titular de Mar hoxe en Vigo durante a presentación deste proxecto, no que, ademais da Autoridade Portuaria de Vigo, participan a de Tenerife, a de Barcelona e as empresas Enagás, Suardiaz, Siemens, Ham e Bureau Veritas. Está cofinanciado pola Comisión Europea e concorda coas súas políticas en materia de redución de emisións, pois Core LNGas Hive busca establecer as infraestruturas necesarias para subministrar GNL como combustible para o sector marítimo na Península Ibérica. Deste xeito, sinalou, Rosa Quintana, “conseguimos transformar os buques portuarios e pesqueiros en ferramentas menos contaminantes”.

Neste sentido, a titular de Mar explicou que a necesidade de conservar e protexer o medio ambiente debe estar presente á hora de traballar a prol do aproveitamento dos recursos mariños. Este, engadiu, é un dos principais cometidos da Consellería do Mar e nel reside o mantemento da actividade como fonte principal de ingresos das comunidades costeiras.

Para iso, engadiu a conselleira, debemos traballar centrados na competitividade das industrias galegas e da man da premisa “dun medio ambiente sa que demanda autosuficiencia enerxética, que esixe que recuperemos e conservemos a biodiversidade e que diminuamos os impactos negativos das actividades portuarias sobre a contorna”.

A titular de Mar aproveitou ademais a ocasión para facer referencia a outros proxectos como o SamueLNG, no que o porto de Vigo, Suardiaz, Ghenova, Inova e Reganosa traballaron no deseño dunha barcaza de subministro de GNL e electricidade para buques no Porto de Vigo. Tamén inclúe a instalación dun sistema de almacenamento e subministro de GNL en terra, que permite subministralo a buques mercantes, camións e barcos de menor porte.

Outros proxectos medioambientais nos que traballa a Autoridade Portuaria de Vigo e que citou a conselleira, son Greening, que permite recuperar ecosistemas mediante prácticas innovadoras e responsables de explotación de recursos, e Lonxa 4.0, unha iniciativa participada e financiada por Portos do Estado, que permite o autoconsumo e mellorar o acondicionamento térmico a través da instalación de paneis fotovoltaicos.

O proxecto Core LNGas HiveO proxecto Core LNGas Hive busca promover o uso de gas natural licuado non só nos barcos senón tamén nas zonas portuarias. Para iso ten como obxectivo desenvolver unha cadea loxística integrada, segura e eficiente para o subministro deste combustible alternativo. Este proxecto inclúe o desenvolvemento de 25 iniciativas para a adaptación da infraestrutura e loxística e o seu desenvolvemento comercial co fin de ofrecer os servicios de abastecemento de pequena escala e de toma de combustible.  


- Te recomendamos -