Inicio Galicia Rosa Quintana aplaude a Anmupesca por dar visibilidade ás mulleres que traballan...

Rosa Quintana aplaude a Anmupesca por dar visibilidade ás mulleres que traballan no mar

0


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recibiu esta tarde á nova directiva da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca). Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a conselleira enxalzou o saber facer das mulleres que forman parte desta asociación.

Así, a titular de Mar destacou o labor desta asociación que naceu co apoio, promoción e coordinación da Confederación Española de Pesca (Cepesca) e das administracións públicas e que xurdiu, explicou Rosa Quintana, co fin de aumentar o nivel de representación e visibilidade do colectivo feminino. Ademais, a conselleira incidiu na importancia que supuxo a súa creación para dar maior visibilidade ao papel das mulleres que diariamente desempeñan traballos directamente relacionados coa actividade pesqueira no conxunto do Estado.

A Asociación Nacional de Mulleres da Pesca naceu co obxectivo de dar visibilidade ao labor diario das mulleres do mar e incrementar a conciencia social sobre a importancia da súa contribución ao sector marítimo pesqueiro. Ademais busca impulsar o seu liderado e participar de xeito activo nos órganos representativos decisorios e consultivos do sector.

A creación desta asociación, que aglutina a unha ducia de colectivos de armadoras, redeiras e mariscadoras, entre outros perfís femininos de profesionais do sector do mar, concíbese tendo en conta que o programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) contempla o apoio ao asociacionismo feminino e a creación dunha organización de mulleres profesionais do mar de carácter nacional que favoreza a súa representatividade.


- Te recomendamos -