Inicio Galicia Román Rodríguez visita o Festival de Cans, que conta co apoio da...

Román Rodríguez visita o Festival de Cans, que conta co apoio da Xunta de Galicia

0

O certame, que vai pola súa décima quinta edición, péchase esta tarde coa entrega de premios

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado do director da Agadic, Jacobo Sutil, visitou hoxe o festival de Cans, que durante catro días congrega nesa aldea do Porriño a profesionais dos sectores audiovisual e musical, veciños e afeccionados de toda Galicia.

A Consellería colabora economicamente con este certame cunha achega de máis de 25.000 euros, resultado da adxudicación das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a festivais do sector audiovisual. Ademais, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Xunta apoia as actividades dirixidas ao público máis novo, como a sección Cans do Futuro e Minicans, para os escolares.

O evento, que vai pola súa décima quinta edición, está organizado pola Asociación Cultural Arela, e este ano réndelle homenaxe á produtora Chelo Loureiro. Nesta edición, outros nomes destacados do apartado audiovisual do programa son Fernando Trueba, Gracia Querejeta, Borja Cobeaga, Anxos Fazáns, Isabel Naveira, Nieve de Medina, Roque Cameselle, Berta Ojea, Ángel Filgueira, Nerea Barros, Isabel Blanco ou Felipe Lage.

Cans destaca sobre todo pola orixinalidade nos seus xeitos de exhibición, a súa condición de celebración lúdica que vén reforzar a proxección social do audiovisual galego dentro e fóra de Galicia e a súa consolidación como marca sólida, diferenciada e única, así como a implicación dos propios veciños da parroquia porriñesa que lle dá nome ao encontro.

Na sección oficial compiten as modalidades de curtametraxes de ficción, animación, videoclips e un concurso de traballos de non ficción baixo o nome de FuraCans (que é de nova incorporación este ano). Ademais das longametraxes, consolídanse seccións habituais como Coloquios na leira, Fillas e fillos de Cans, A que andas?, os coloquios AISGE ou o roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide, a sección ExtraCans (centrado nas conexións dos profesionais galegos cos doutros países), e o programa especial Contra o lume.

A programación complétase con concertos, actividades específicas para o público infantil e xuvenil, e eventos gastronómicos entre outros. O certame péchase esta noite co acto de entrega de premios, no que participará o director da Agadic.


- Te recomendamos -