Cun investimento de máis de 113.000 euros, as actuacións teñen por obxecto corrixir a entrada de humidades no templo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, vén de visitar as obras de reparación da igrexa do convento de san Francisco, na localidade ourensá de Ribadavia. O obxecto da intervención, que conta cun orzamento de máis de 113.000 euros, é corrixir os problemas de humidade do templo, ocasionados polas filtracións de auga. Na visita o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; e pola delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Os traballos contemplan a renovación da cuberta da igrexa, coa colocación de novo entramado de madeira, lámina impermeable, placas de fibrocemento e cubrición de tellas cerámicas curvas vermellas. No caso das estancias adxacentes, limparanse, renovaranse ou repararanse os canlóns e baixantes en mal estado, repararanse os remates de encontro lateral de faldón das tellas cos paramentos laterais e substituiranse as tellas rotas ou danadas.
O lugar que ocupa actualmente o convento franciscano de Ribadavia recibía antigamente o nome de Santiago de Alén, por mor da capela ou igrexa medieval, albergue ou hospital de peregrinos do que nos falan os documentos do século XIII. As primeiras construcións do convento de San Francisco en Ribadavia datan de finais do século XVI e principios do XVII, aínda que sufriu ampliacións ata completar a súa configuración actual.
Da igrexa conventual destaca a súa torre barroca con balconciño, a bóveda de cruzaría, e o altar churrigueresco. Ademais, nela pode contemplarse parte do coro antigo oxival (século XV) da catedral de Ourense. Do convento anexo consérvase o claustro dos séculos XVII-XVIII, o portalón de medio punto de entrada e a escaleira que formaban parte do antigo convento situado en Santa Marta no século XIII. A comezos do XIX converteuse na terceira comunidade en importancia entre os conventos franciscanos de Galicia. No ano 1835 tivo lugar a exclaustración ata que, o 26 de abril de 1915, retornaron de novo os franciscanos. Os derradeiros frades marcharon a finais do XX e actualmente non hai comunidade monástica.
- Te recomendamos -