O conselleiro de Cultura e Turismo presentou hoxe a obra ‘Galicia, un lugar máxico para contemplar as estrelas’ dos fotógrafos Daniel Llamas e Daniel Lois
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do libro Galicia, un lugar máxico para contemplar as estrelas, onde subliñou o potencial da Comunidade como destino de primeiro nivel para a observación do ceo, o denominado turismo starlight. Ao respecto, salientou que o vindeiro ano se dará un paso decisivo co novo observatorio astronómico da Veiga, que aspira a consolidar Pena Trevinca como un referente neste tipo de turismo científico.
A obra amosa o enorme potencial de Galicia no astroturismo a través de 100 coidadas fotografías froito do traballo de dous profesionais como Daniel Llamas e Daniel Lois, que dedicaron innumerables horas de traballo de campo a acadar estas instantáneas, tomadas nunha secuencia temporal de seis anos. Convértese así xa nunha publicación de referencia, “un miradoiro paciente a Galicia” –en palabras do conselleiro– que redescubre o patrimonio natural e as paisaxes galegas, tanto de costa como de interior, ou o propio Camiño de Santiago, un escenario idóneo tradicionalmente para a observación da Vía Láctea.
A Comunidade galega ten acreditados dous destinos starlight, A Veiga e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que forman parte dunha selecta escolma a nivel nacional. Esta distinción avala que son lugares visitables con excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e a práctica de actividades turísticas baseadas neste recurso. Trátase dun selo de carácter internacional que conta co apoio da Unesco, da Organización Mundial do Turismo (OMT) e da Unión Astronómica Internacional, conxugando ciencia e lecer.
A Xunta de Galicia está a apostar por este tipo de actividades, dentro do modelo de turismo sustentable e comprometido que impulsa a Estratexia 2020. Contribúese así a potenciar os recursos propios dando a coñecer os valores culturais, naturais e paisaxísticos asociados.
- Te recomendamos -