O conselleiro de Educación participou na inauguración das III Xornadas sobre Diversidade Sexual que organiza a Facultade de Ciencias da Educación da USC
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou a importancia de que desde a escola se forme ao alumnado nos valores do respecto á diversidade para traballar e convivir nun espazo de liberdade e harmonía tanto dentro como fóra das aulas.
Román Rodríguez participou esta mañá na apertura das III Xornadas sobre diversidade Sexual desde a Educación organizadas pola Facultade de Ciencias da Educación da USC, na que tamén participaron o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, a decana Carmen Fernández Morante; e a representante de asociacións LGTBI, Cristina Palacios.
O conselleiro explicou que para acadar unhas maiores cotas de calidade no sistema educativo, ademais da formación académica en torno a cuestións esenciais hoxe en día como o coñecemento de linguas ou as destrezas tecnolóxicas, hai que afondar noutros aspectos como son a convivencia e o respecto, e garantir a equidade e a igualdade de oportunidades.
Nesta liña, a Consellería ten posto en marcha numerosos protocolos para dar resposta ás necesidades específicas do alumnado; entre os que destaca o Protocolo educativo para garantir a igualade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero; un documento que busca garantir unha axeitada atención educativa ao alumnado con identidade sexual distinta á asignada ao nacer ao tempo que difundir na escola o valor do respecto á diversidade afectivo-sexual, á identidade sexual e á pluralidade e á diferenza.
O conselleiro agradeceu a invitación a estas xornadas, -nas que participan docentes, profesores universitarios, expertos e representantes de colectivos LGTBI-, e confiou en que xurdan oportunidades de mellora que axuden a toda a comunidade educativa.
- Te recomendamos -