Inicio Galicia Román Rodríguez presenta os XXXVIII Cadernos Ramón Piñeiro dedicados a María Victoria...

Román Rodríguez presenta os XXXVIII Cadernos Ramón Piñeiro dedicados a María Victoria Moreno

0

O conselleiro de Cultura subliñou que “con esta obra tense dado un paso de xigante para coñecer a María Victoria Moreno” á que cualificou como “pioneira” da literatura infantil e xuvenil galega O volume aborda a figura e o legado literario de Moreno e componse dun limiar, vinte artigos e unha extensa bibliografía 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou este serán no Pazo de San Roque os XXXVIII Cadernos Ramón Piñeiro. María Victoria Moreno. Palabra fértil no Tempo, un volume dedicado a afondar na figura da homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, que vén de publicarse co gallo da programación conmemorativa impulsada desde a Xunta.

A obra está configurada por un limiar de Blanca-Ana Roig Rechou, vinte artigos asinados por reputados especialistas e autores de prestixio no eido da literatura infantil e xuvenil galega (LIX), nos que se abordan a figura e o legado creativo de Moreno desde diferentes disciplinas e perspectivas, e un detallado estudo bibliográfico.

O titular do departamento de Cultura sinalou que esta obra “ofrece no seu conxunto unha visión completísima da autora de Anagnórise” e permite dar “un paso de xigante” para coñecer a María Victoria Moreno. Así mesmo, destacou que os Cadernos son “unha colección referencial para a cultura galega” e salientou a importancia de María Victoria Moreno como “pioneira” da LIX en Galicia.

Román Rodríguez rematou a súa intervención agradecendo o traballo dos profesionais do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades na confección deste XXXVIII volume, así como o de todos os autores colaboradores, “que xenerosamente nos brindaron os seus coñecementos sobre esta gran escritora”.

No acto tamén participaron o viúvo de María Victoria Moreno, Pedro Ferriol; o presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), Manuel González; e a coordinadora da monografía, Blanca-Ana Roig Rechou. 


- Te recomendamos -