Inicio Galicia Román Rodríguez avanza que este mércores se publicará a licitación da obra...

Román Rodríguez avanza que este mércores se publicará a licitación da obra de restauración do Mosteiro de Carboeiro

0

O conselleiro asinou un convenio de colaboración co Concello de Silleda e a Diocese de Lugo para poñer a disposición os terreos e inmobles necesarios


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou que mañá mércores se publicará a licitación da obra de reparación e restauración do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, na que a Consellería investirá arredor de 323.000 euros. Así o anunciou con motivo da sinatura do convenio de colaboración co Concello de Silleda e a Diocese de Lugo, a través do cal ambos os dous propietarios do espazo poñen a disposición os terreos e inmobles necesarios para levar a cabo os traballos de rehabilitación. O titular de Cultura lembrou que, o pasado agosto, durante a visita ao ben, xa manifestara a necesidade de rubricar un convenio de cooperación para poder licitar a obra, coa que se busca evitar o deterioro do mosteiro e solucionar os problemas de filtracións de auga. En concreto, as actuacións –que terán un prazo de execución de 4,5 meses– estarán orientadas á limpeza e reparación da cuberta da igrexa, á limpeza das fachadas en xeral, á mellora das fiestras das torres para evitar a entrada de auga na cripta, así como á reparación e consolidación de muros en mal estado e á rehabilitación da cuberta da antiga casa monacal, na que tamén se solucionarán os problemas de humidade. A maiores, limparanse as pinturas da ábsida. Referencia cultural e turística da comarcaTal e como destacou o conselleiro –que estivo acompañado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; e polo director do Museo diocesano e catedralicio de Lugo, César Carnero– esta restauración non só favorecerá a conservación presente e futura do ben, senón que tamén incrementará o seu atractivo turístico, partindo da base de que Carboeiro é un dos puntos de referencia cultural e turística da comarca de Deza e de toda Galicia.

Cómpre lembrar que este proxecto de rehabilitación se enmarca no programa de actuacións destinado á conservación e posta en valor de inmobles declarados BIC vinculados coas rutas do Camiño de Santiago. Dentro dos informes realizados ao abeiro deste programa, o do mosteiro de Carboeiro mostrou a necesidade de realizar unha actuación de reparación e restauración do mesmo. Arquitectura e paisaxeO Mosteiro de Carboeiro é un dos monumentos medievais máis salientables de Galicia, tanto pola súa arquitectura como polas súas características de implantación no territorio, construído nun promontorio escarpado rodeado polo río Deza e ao carón do camiño que conducía a Merza e Santiago. Declarado BIC coa categoría de monumento, as súas orixes remóntanse ao século X, sendo fundado polos condes de Deza. A igrexa é de estilo románico con influencias góticas e clara relación coa arquitectura santiaguesa da época representada polo Mestre Mateo. A planta é de cruz latina con tres naves, xirola e curtos brazos. Tres capelas absidais semicirculares radiais apóianse sobre a cripta que salva o gran desnivel do terreo. Desde o punto de vista escultórico destacan os capiteis con decoración vexetal e as portadas sur e oeste. Na porta principal, as arquivoltas desenvolven o motivo dos Anciáns do Apocalipse. Pola súa parte, no claustro existen restos de cantería medievais provenientes das escavacións.


- Te recomendamos -