Inicio Galicia Rodríguez e Miranda presentan a Estratexia Retorna 2020 na principal comunidade galega...

Rodríguez e Miranda presentan a Estratexia Retorna 2020 na principal comunidade galega no exterior, Arxentina

0

O conselleiro de Educación e o secretario xeral da Emigración ofreceron no Club Español unha charla informativa sobre as oportunidades formativas e laborais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentaron á principal comunidade galega no exterior, Arxentina, o proxecto que o Goberno galego vén de aprobar para fomentar o retorno tanto daqueles emigrantes que saíron de Galicia ao estranxeiro como dos seus descendentes. A Estratexia Retorna 2020, que reúne máis de medio cento de medidas centradas nos diferentes eidos económicos, educativos e sociais, é froito dun esforzo colectivo de todos os departamentos do Goberno galego que busca facilitar a integración a todos aqueles que queiran regresar á súa terra de orixe.

A xornada informativa –á que asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro– tivo lugar no Club Español de Bos Aires e reuniu nas súas instalacións ducias de persoas. Os responsables autonómicos expuxeron aos presentes os principais programas formativos e de emprego e emprendemento, ademais dos do eido social, de vivenda e de I+D+i, recollidos da Estratexia Retorna 2020.

Axudas para máster, grao e FPDúas das medidas estrela deste documento enmárcanse precisamente no eido educativo, no que destacan as Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que na súa primeira edición, aínda en marcha, permitiu aos cen mellores expedientes galegos do exterior cursar un máster nunha das tres universidades galegas grazas a axudas que van dos 7.000 aos 11.475 euros. A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria da segunda edición, que pechará o 31 deste mes. Rodríguez animou aos galegos da Arxentina a solicitar algunha das prazas deste ano e formar parte da que pode converterse nunha das experiencias máis enriquecedoras tanto a nivel persoal como formativa das súas vidas.

Sen saír do eido universitario, o conselleiro de Educación lembrou que dentro do Plan de excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG), presentado o pasado ano, tamén se contempla a posta en marcha de axudas económicas para os estudantes de grao retornados. Neste sentido, remarcou que “a historia recente do SUG non se entendería sen esa Galicia que volta, dado que dos 1.800 alumnos estranxeiros que estudan nas universidades galegas, máis do 40% proceden de Iberoamérica”.

Así mesmo, Román Rodríguez tamén avanzou a próxima creación de bolsas específicas para os que cursen un ciclo superior de Formación Profesional, que recibirán ata 5.000 euros. O obxectivo é, en definitiva, “facilitar ao máximo a incorporación dos mozos retornados ao sistema educativo galego, facendo especial fincapé na FP e nos estudos universitarios pola súa conexión directa co mercado laboral”. O conselleiro tamén puxo en valor a calidade da ensinanza dentro da comunicade galega, avalada por “unhas estruturas de formación modernas, adaptadas ás necesidades dos sectores produtivos e vinculadas cos novos retos tecnolóxicos”, remarcou.

Pola súa banda, Miranda lembrou, ademais das medidas de carácter social e de vivenda, os programas deseñados para facilitar aos galegos que queiran retornar á súa incorporación ao mercado laboral, tanto como traballadores por conta allea como emprendedores. Para estes últimos a Secretaría Xeral da Emigración destina as Axudas ao Retornado Emprendedor, entre as que se atopan varios proxectos procedentes da Arxentina desde a súa posta en marcha en 2013. Na actualidade permanece aberto o prazo de solicitude destas axudas para o ano 2018, que rematará en setembro.

Aportacións doutras conselleríasA estas súmanse outras iniciativas, ata un total de 53, con incentivos específicos que tamén van dirixidas a facilitar o autoemprego e a contratación de retornados, como os destinados á promoción e consolidación do emprego autónomo, que inclúe dúas liñas diferentes ás que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 16 millóns de euros en 2018, e que destina un 25% adicional para os retornados. A Estratexia Retorna 2020 esténdese, non obstante, a todas as áreas do retorno: desde a información (coa creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, tanto física como virtual e telefónica), ata o apoio social (cunha liña de axudas ás familias que regresen a Galicia con fillos menores de idade), pasando pola formación, a investigación, a vivenda e o mercado laboral.

Encontro con Fillos de Porto do SonOs representantes da Xunta de Galicia aproveitaron a súa visita ao Cub Español de Bos Aires para percorrer as súas instalacións e, a continuación, desprazáronse ás da Asociación Civil Galega Fillos de Porto do Son, que está a celebrar o seu centenario, no barrio bonaerense de Avellaneda, onde mantiveron un encontro cos seus socios.


- Te recomendamos -