O propósito deste organismo é mellorar a alfabetización en saúde dos cidadáns para ter a habilidade de obter, procesar, comprender e aplicar a información sobre saúde e deste xeito, tomar as decisións máis apropiadas
A Escola Galega de Saúde para Cidadáns do Sergas naceu en novembro de 2009 como unha rede de xestión do coñecemento entre profesionais, pacientes, cidadáns, xestores sanitarios e expertos en procesos de saúde e de enfermidade. Dende entón e ata decembro do ano pasado, leváronse a cabo 1.247 obradoiros formativos, nos que participaron 24.970 persoas tanto de xeito presencial como online.
O seu propósito é mellorar a alfabetización en saúde dos cidadáns para que teñan habilidade de obter, procesar, comprender e aplicar a información sobre saúde e deste xeito, tomar as decisións máis apropiadas.
Os obradoiros, realizados a petición de asociacións de pacientes, servizos sociais e agrupacións de toda a comunidade, estiveron impartidos por 2.201 expertos e os destinatarios foron pacientes e os seus familiares, coidadores e cidadáns en xeral. Entre as áreas tratadas, abarcáronse temas como a promoción da saúde, os coidados en patoloxías específicas, hábitos de vida saudable, trastornos alimentarios ou primeiros auxilios, por citar algúns exemplos.
Durante este tempo tamén se realizaron cursos de formación en patoloxías concretas para dar resposta a programas especiais como tal e como se fixo en colaboración coa Federación de asociacións galegas de Alzheimer, coa Federación galega de parálise cerebral ou coa Federación de familiares e persoas con enfermidade mental. Ademais desenvolvéronse proxectos como a Escola de pais ou a Escola de maiores, cursos online do dor para pacientes ou sobre cancro de mama, así como diversos diálogos e foros con profesionais sanitarios e pacientes expertos que responden en tempo real grazas a internet.
En canto a calidade dos cursos, cómpre destacar o alto nivel de satisfacción destas actividades: O 80 % dos alumnos enquisados manifestaron estar moi satisfeitos e o 89% consideran moi alta a aplicabilidade do aprendido. A cualificación dos docentes foi de 9’2 nunha escala de 0 a 10.
- Te recomendamos -