Inicio Galicia Portos de Galicia recolleu máis de 24.000 quilos de residuos dos fondos...

Portos de Galicia recolleu máis de 24.000 quilos de residuos dos fondos mariños dos peiraos pontevedreses

0

O ente público vén de rematar unha nova edición do plan de limpeza de dársenas na provincia con actuacións en Moaña, Aldán (Cangas), Tragove (Cambados), Vilanova de Arousa e Vilaxoán (Vilagarcía)

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, recolleu ao longo das últimas semanas máis de 22.000 quilos de residuos dos fondos mariños da provincia de Pontevedra. Así o comunicou presidente do ente público, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do organismo portuario en Pontevedra para facer balance das actuacións de limpeza desenvolvidas.

Estas actuacións enmárcanse na quinta fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve anualmente nas tres provincias costeiras e que este ano na provincia de Pontevedra tivo lugar nos portos de Moaña, Aldán (Cangas), Tragove (Cambados), Vilanova de Arousa e Vilaxoán (Vilagarcía). Este plan desenvólvese de xeito periódico co obxecto de acadar peiraos máis sustentables desde o punto de vista ambiental.

Durán Hermida destacou na rolda de prensa que a experiencia acumulada nos anos anteriores indicaba a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar. Así mesmo recalcou que esta actuación mellora a seguridade nas augas interiores e impulsa a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto. Non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos, que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encarga da limpeza nas dársenas está formado por entre tres e cinco mergulladores e como medios mecánicos contan cun barco con grúa. Ademais a empresa está coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que ten preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realiza a súa xestión selectiva.

Nas limpezas realizadas este ano na provincia de Pontevedra recolléronse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos, e ata un contedor de lixo e unha radio. Por peiraos, en Moaña recolléronse 4.000 quilos de lixo; en Aldán, 7.000; en Tragove, 5.000; en Vilanova de Arousa, 2.500; e en Vilaxoán, 6.000.


- Te recomendamos -