O ente público encabeza a delegación dos xestores de portos deportivos no Salón Náutico de París
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, aposta pola promoción e optimización da situación xeográfica do noso litoral para establecelo como escala estratéxica nas rutas de navegación entre Francia e Gran Bretaña e o sur de Europa, o Mediterráneo e Marrocos. Así o está a destacar o presidente do ente público, José Juan Durán, nos diversos encontros de traballo que mantén estes días no Salón Náutico de París que se celebra ao longo desta semana na capital francesa.
Durán Hermida insistiu na necesidade de focalizar a estratexia promocional de Portos de Galicia cara á fidelización dos clientes internacionais dos portos deportivos galegos logo de ter ampliado os nichos de mercado nos últimos anos. Neste sentido subliñou a importancia de que Galicia se afiance “como unha escala fixa nas rutas de navegación dos viaxeiros europeos cara ao sur”, un tráfico que está a repuntar “segundo nos confirman todos os axentes contactados no salón”, lembrou. Con este motivo, durante a súa participación no encontro, o presidente de Portos está a manter reunións con colectivos e entidades francesas como a Compañía de Morbihan –impulsora da iniciativa Passeport Escales-, o Port Les Minimes de La Rochelle ou a Asociación de Portos de Recreo de Marrocos.
Portos de Galicia participa de novo este ano, conxuntamente coa Axencia de Turismo de Galicia e a Consellería de Cultura e Turismo, no Salón Náutico de París. O ente público encabeza a participación dos xestores de portos deportivos da nosa comunidade neste evento sectorial, un dos referentes da náutica en Europa. A representación galega no salón inclúe unha ducia de entidades, entre outros ao Concello de Boiro, a Asociación de Náutica de Galicia (Asnauga), e os portos de Ribadeo, Portosín, Portonovo e Camariñas.
Esta actividade de promoción enmárcase no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a desenvolver, así como no marco do proxecto europeo Capiten, no que o ente público participa con institucións, entidades e asociacións de 18 países de Europa para potenciar a actividade náutica.
- Te recomendamos -