Inicio Galicia Portos de Galicia afonda na planificación de travesías náuticas de ámbito europeo...

Portos de Galicia afonda na planificación de travesías náuticas de ámbito europeo no ?Grand Pavois? de La Rochelle

0

O ente público coordina a presenza entidades e institucións galegas na cita francesa e avala a presentación da travesía Navega o Camiño


A Consellería do Mar a través de Portos de Galicia está a traballar na fidelización de clientes náuticos no mercado europeo para as instalacións náutico recreativas galegas. Con este obxectivo, o ente público está presente estes días no salón Grand Pavois de La Rochelle, nesta localidade francesa, onde promociona a oferta da nosa comunidade e coordina a presenza doutras entidades náuticas e institucións galegas. Dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar, o ente que preside José Juan Durán, está a establecer contactos comerciais con empresas e asociacións estranxeiras. Nesta liña, un ano máis Portos de Galicia está presente no Grand Pavois, a cita náutica de referencia a nivel europeo, onde hoxe vén de realizar unha presentación promocional do sistema náutico galego. Neste marco, o presidente de Portos de Galicia acompaña aos representantes de clubs náuticos galegos e outras administracións na promoción das súas instalacións. Así, estase a resaltar o potencial dos portos deportivos de Boiro, a través da presenza tamén do alcalde do municipio; e de Viveiro, Camariñas, Muxía e Ribadeo, entre outros por medio dos seus xestores e información promocional presente na feira. Así mesmo, o posto da Xunta de Galicia acolleu onte a intervención dos impulsores da Travesía Náutica “Navega o Camiño”, Northwest Marinas, onde se integran Marina Viveiro e Marina Coruña. Na celebración deste salón náutico, o presidente do ente público está a afondar na apertura de novos mercados no ámbito da náutica recreativa a través de entrevistas con colectivos que aglutinan a entidades de navegantes, representantes de institucións públicas como o propio alcalde de La Rochelle, que visitou o posto galego, e asociacións de expertos do sector. Con eles, Durán está a prantexar a posibilidade de organizar regatas e travesías dende as costas francesas ata Galicia así como colaborar nas iniciativas enmarcadas no proxecto europeo Ecodestin, no que participa o ente público.  


- Te recomendamos -