Valentín García participou este serán na presentación do volume que recolle O profeta e O xardín do profeta, do autor libanés máis universal
A Capela Real do Hostal dos Reis Católicos acolleu hoxe ao serán a presentación do volume que recolle, traducidos ao galego, O profeta e O xardín do profeta, do autor libanés Gibran Khalil Gibran. A publicación é o resultado da colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Fundación Araguaney e Teófilo Edicións.
O secretario xeral de Política Lingüística indicou durante o acto que “non podía haber data máis acaída ca esta, o Día Europeo das Linguas, para presentar a primeira tradución ao idioma propio de Galicia de O profeta e O xardín do profeta, dúas das obras máis relevantes e exitosas da literatura universal contemporánea, nunha edición tan coidada e tan atractiva coma a propia poesía de Khalil Gibran que contén”.
Acompañaron a Valentín García na presentación do volume Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente de honor da Fundación Araguaney, e José Luis Teófilo, editor do volume e director de Teófilo Edicións.
Gibran Khalil GibranGibran Khalil Gibran é un dos grandes escritores árabes do tránsito entre o século XIX e o primeiro terzo do XX. Nacido no Líbano, pero medrado en Estados Unidos, alcanzou fama mundial pola súa escrita fortemente espiritual, que supón unha síntese entre as crenzas e culturas de Oriente e de Occidente.
Nas súas obras O profeta e O xardín do profeta reúne unha serie de prosas breves e impregnadas de lirismo, nas que condensa toda a súa filosofía arredor das grandes cuestións para o ser humano: o amor, o casamento, a descendencia, a ledicia e a dor, a liberdade, a razón e a paixón, a morte, o coñecemento e as ensinanzas, a amizade, o tempo, a bondade e a maldade, a oración, o pracer, a beleza ou a fe.
O grande éxito da obra de Gibran Khalil Gibran fixo que algúns dos seus libros se traducisen a ducias de idiomas e influísen en creadores e movementos culturais fundamentais do pasado século. Aparecen agora por vez primeira vertidos ao galego O profeta e mais O xardín do profeta, dous dos seus títulos capitais, que se ofrecen nunha moi coidada edición publicada por Teófilo Edicións coa participación da Xunta de Galicia e que inclúe un prólogo do secretario xeral de Política Língüística, Valentín García Gómez .
- Te recomendamos -