O departamento dirixido por Valentín García pon en marcha unha convocatoria extraordinaria de exames dos niveis 2 e 4
A Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4, no ano 2018 (ED114A). Trátase da segunda convocatoria de probas de acreditación do Celga, tras as realizadas en maio e xuño deste ano.
O prazo de inscrición nestes exames, que se realizarán en Santiago de Compostela e en Ponferrada entre a segunda quincena de novembro e a primeira fin de semana de decembro, está aberto desde mañá ata o vindeiro 4 de outubro. As datas concretas serán debidamente publicitadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal).
O sistema CelgaO Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
O Celga proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa e confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación (aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas) e lingua e sistema (os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais).
- Te recomendamos -