O delegado territorial da Xunta destacou que con esta nova maquinaria o concello poderá reforzar os traballos de acondicionamento das estradas do municipio
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, presentou o novo tractor, adquirido polo concello, coa colaboración da Consellería do Medio Rural. A compra tivo como finalidade o reforzo dos traballos de limpeza que se realizan neste municipio e que se intensifican en primavera e verán. O financiamento correu a cargo da Xunta de Galicia.
Neste senso Ovidio Rodeiro informou que “a Consellería asinou con 19 alcaldes de toda Galicia os convenios para a adquisición doutros tantos tractores para a roza, que serán utilizados na prevención de incendios forestais nestes concellos”.
Trátase de facilitar os traballos de limpeza de matogueira no ámbito de competencias das entidades locais. Os asinantes na provincia da Coruña foron os concellos de Vedra, As Somozas, Vedra, Vimianzo e Zas.
En virtude destes acordos, Medio Rural financiou a compra da maquinaria por parte dos municipios beneficiados por un importe máximo de 85.000 euros en cada caso. A axuda destinouse á adquisición dun tractor e dous apeiros de roza (un de arrastre e outro de brazo). O IVE correspondente abonouno cada concello.
A Consellería continuará con esta iniciativa e en breve achegando financiamento, por un importe total de 3,2 millóns de euros este ano, para a adquisición de novos tractores, ata chegar a 35 neste exercicio. Estes sumaranse aos 35 subvencionados en 2017, co que xa serán 70 os apeiros financiados, que prestarán servizo a un total de 81 entidades locais.
Vías de colaboraciónEn total son dúas as vías de colaboración cos municipios. Dunha banda, estes 19 convenios que se asinaron e aos que os concellos poden optar, por orde de prioridade, de acordo cunha serie de criterios obxectivos, entre os que figuran o seu número de entidades singulares de poboación, a súa superficie ou que teñan subscrito con Medio Rural o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018.
Doutra parte, incorpórase unha segunda modalidade, a través das xefaturas territoriais. Serán elas as que cheguen a acordos de colaboración coas entidades locais para o uso desta maquinaria, que seguirá sendo propiedade da Consellería. En concreto, a xefatura da provincia da Coruña recibirá tres tractores. ObrigasA través destas colaboracións a Xunta facilita aínda máis aos concellos o cumprimento das súas obrigas en canto a execución das rozas e o mantemento das vías municipais. A esta medida hai que sumar os tradicionais convenios de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais; e o novo acordo coa Fegamp no que Medio Rural investirá máis de 28 millóns de euros ata o 2021 para poñer en marcha un sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación.
- Te recomendamos -