O delegado territorial visitou hoxe, acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey, unha das Casas Niño deste Concello. Este municipio conta con dúas das tres que están abertas na provincia xunto coa de Dumbría
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey, visitaron esta mañá unha das Casas Niño de Frades. Este municipio conta con dúas das tres que están abertas na provincia de A Coruña xunto coa de Dumbría. Este recurso de conciliación presta servizo de maneira gratuíta ás familias no ámbito rural de municipios de menos de 5.000 habitantes.
O delegado territorial destacou que o Goberno Galego seguirá estendendo as Casas Niño para crear unha rede de recursos de conciliación más ampla no rural. Neste senso, no primeiro semestre deste ano sairá adiante unha nova convocatoria de axudas, a terceira, para outorgar outras 15 subvencións para a posta en marchar doutros tantos proxectos. En total, entre as dúas primeiras convocatorias de 2016 e 2017, e a nova orde de axudas que sairá nos vindeiros meses, a Xunta investirá 6,1 millóns para poñer este servizo a disposición das familias.
Ovidio Rodeiro apuntou a importancia desta nova convocatoria porque garante a igualdade no acceso aos recursos de coidado dos nenos e nenas de 0 a 3 e para ás familias que viven en contornos rurais e facilita a conciliación da vida laboral, familiar e social. Neste senso apuntou que “este tipo de iniciativas poñen en evidencia a aposta da Xunta de Galicia para que os municipios rurais poidan ofrecer á súa poboación o mesmo tipo de recursos que nas cidades”. Así mesmo “ten como obxectivo fomentar o emprendemento no rural con proxectos como estes que xeran postos de traballo e dan resposta as necesidades de coidado dos máis pequenos da casa”.
Por último, o delegado territorial animou, a que todas as persoas interesadas nesta iniciativa emprendedora presenten a súa solicitude para optar a algunha das novas 15 Casas Niños que porá en marcha a Xunta de Galicia.
Este servizo gratuíto forma parte das iniciativas que se contemplan no Programa de Apoio á natalidade (PAN Galicia) que Política Social está a desenvolver dende 2015 con accións como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia e o Bono Coidado, a apertura de novas escolas infantís – cunha oferta especial para os polígonos empresariais e industriais ou o incremento das prazas sostidas con fondos públicos. “Toda esta oferta – puntualizou o delegado territorial – ten como obxectivo final mellorar a calidade de vida dos galegos e facer que Galicia sexa un lugar mellor para vivir e para ter familia”.
- Te recomendamos -