A cidade acolle hoxe unha acción de promoción desta oferta de enoturismo na que participarán máis de 60 adegas e haberá máis de 40 actividades paralelas
A cidade de Ourense convértese hoxe en antesala das VII Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia cunha acción de promoción e distintas actividades divulgativas que se celebran na rúa do Paseo entre as 11,00 e as 14,00 horas e, pola tarde, entre as 17,00 e as 20,00 horas. A mesma iniciativa xa se levou a cabo con éxito nos últimos días en Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela.
As denominacións de orixe protexidas dos viños Rías Baixas e Ribeiro inaugurarán a vindeira fin de semana, entre o 25 e o 27 de maio, esta nova edición destas xornadas de portas abertas que tamén se celebrarán os días 1, 2 e 3 de xuño en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. No caso de Rías Baixas e Ribeiro, participarán ata 40 neste acontecemento impulsado por Turismo de Galicia en colaboración coas rutas dos viños da Comunidade. Na edición deste ano, os asistentes poderán facer visitas guiadas e gratuítas ás máis de 60 adegas participantes nas cinco denominacións de orixe e formar parte das máis de 40 actividades paralelas. As visitas realizaranse cada sábado ás 11.30, 13,00 e 17,00 horas; e o domingo ás 12,00 horas. Ao finalizar, os adegueiros ofrecerán como agasallo unha degustación dos viños de Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra ou Valdeorras.
Ademais, os participantes tamén poderán atopar restaurantes onde escoller entre dous menús creados especialmente para esta ocasión. Compoñeranse de primeiro e segundo pratos -acompañados con viños da denominación de orixe visitada- e sobremesa. Algúns dos restaurantes adheridos ofrecerán menús infantís para nenos menores de 12 anos.
Bus do viño entre concellosEn cada ruta haberá, ademais, un programa especial de actividades para a fin de semana: catas comentadas, visitas a museos do Viño, rutas monumentais, paseos en barca, trens turísticos, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co enoturismo. O Bus do Viño conectará lugares como Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Ourense, Verín, Lugo, Ribadavia ou Xinzo de Limia, entre outros, coas cinco denominacións de orixe. Incluiranse concursos con billetes para os Trens Turísticos de Galicia como agasallo.
Todos os interesados en participar nestas VII Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia atoparán completa información na páxina web oficial do evento.
- Te recomendamos -