Inicio Galicia Os viños rosados da Ribeira Sacra estarán tamén amparados por esta denominación...

Os viños rosados da Ribeira Sacra estarán tamén amparados por esta denominación de orixe

0

O DOG publica hoxe este e outros cambios no prego de condicións deste selo de calidade para ser valorados antes do seu rexistro


O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se da publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra. A través deste trámite cambiaranse diferentes aspectos deste selo de calidade, como a incorporación dos viños rosados, que ata o de agora, pese a ser unha produción tradicional do territorio, non estaban amparados por este selo de calidade.

Así, este tipo de viños deberán ser elaborados polo método tradicional, cun rendemento na elaboración non superior a 40 litros de viño por cada 100 kg de uva, cun tempo de maceración do mosto co bagazo que non poderá ser superior a 48 horas e empregaranse uvas de variedades tintas das cales polo menos o 85 % serán das variedades cualificadas como principais. Xa nos anos 90, cando se puxo en marcha esta DO, elaborábanse viños rosados coa variedade mencía seguindo a forma de elaboración con maceracións curtas que se realizaba en toda a zona. Nos últimos tempos retomouse a elaboración de rosados incluíndo as variedades brancellao e merenzao, que elaboradas como monovarietais responden ás características dun viño rosado de calidade.

Esta non é a única modificación que se incorpora ao prego de condicións. Ábrese a posibilidade de realizar o envellecemento en envases doutros materiais distintos da madeira e de capacidades superiores ás máximas permitidas para o termo “barrica”. Así, agora poderanse comercializar viños coa mención “garda”, para que tamén se distingan no mercado. Trátase de pór en valor elaboracións que se levan a cabo en recipientes de madeira que pola capacidade non entrarían na denominación “barrica” e tamén o uso de depósitos de cemento ou outros materiais. Este tipo de elaboracións véñense realizando desde hai uns 15 anos e son prácticas similares ás que se empregaban outrora, cando aínda non chegara o aceiro ás adegas.

Modificacións na caracterización organolépticaEstes dous cambios obrigan tamén a modificar a descripción das características organolépticas, e aproveitouse para actualizalas, xa que dende 1992, ano en que se puxo en marcha a DO Ribeira Sacra, as características dos viños foron variando.

Así mesmo, aproveitouse para modificar os requisitos para os viños que levan a mención “súmmun”. Só será preciso que estean elaborados cun 85% de uva das variedades consideradas principais, sen obrigar a que a mencía represente o 60% do total, como ata o de agora.

Nos novos pregos ademais, faise unha lixeira ampliación do territorio delimitado para a produción de uva. Engádense as parroquias de Fión (municipio do Saviñao) e Fontao (municipio da Teixeira), nas que historicamente se vén cultivando o viñedo. No que se refire á produción, amplíase a zona na que se pode elaborar o viño ás parroquias de Gundivós (municipio de Sober) e Boazo (municipio da Teixeira).

Así mesmo, inclúense novas variedades de uva, dúas brancas (branco lexítimo e caíño branco) e tres tintas (gran negro, caíño longo e caíño bravo). As cinco son variedades amplamente cultivadas en Galicia e, aínda que non figuran no prego de condicións vixente, estiveron presentes desde hai moito tempo nas viñas da denominación. Con esta modificación preténdese evitar a súa desaparición da zona, coa consecuente perda de riqueza varietal, así como preservar a singularidade dos viños elaborados conxuntamente con outras variedades xa incluídas.

Todos estes cambios e outros están recollidos na resolución que hoxe publica o DOG e coa que se pretende dar publicidade á mesma para que calquera persoa que considere afectados os seus intereses lexítimos poida opoñerse ao rexistro destas modificacións mediante a correspondente declaración de oposición. Esta resolución tamén sairá publicada en breve no Boletín Oficial del Estado (BOE) momento no cal empezará a contar o prazo de dous meses para as posibles alegacións.(Enlace á resolución no DOG:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180710/AnuncioG0426-290618-0003_gl.pdf)


- Te recomendamos -